Ir o contido principal
DESCUBRIR

Festa da Anguía e Mostra da Caña do País

Anguía e augardente, maridaxe ideal en Valga

A localidade rende homenaxe a este saboroso peixe e á “caña do país”

A Festa da Anguía e a Caña do País celébrase en Valga a finais de verán, concretamente a última fin de semana de agosto, para despedir o mes ao grande. Son tres días nos que a localidade pontevedresa ofrece os diferentes pratos e tapas que se poden elaborar con este manxar, como empanadas, guiso con patacas e anguía frita, rebozada ou en escabeche.

Esta festa culinaria vén precedida por un concurso de tapas no que se lle anima a participar especialmente á hostalería local. Tras seleccionar as tapas finalistas, unha degustación popular elixe a gañadora.

Valga Caña

Augardente tradicional

Como boa festa gastronómica, vén acompañada doutra bebida espirituosa popular: o augardente local, o que popularmente e en galego coñécese como caña do país. Se o primeiro festexo é un tributo ao río Ulla, este segundo o é á destilación do augardente tradicional, cando as e os augardenteiros ían parroquia por parroquia para realizar as destilacións. Durmían nos diferentes alpendres e permanecían aí en función das potadas (enchido e baleirado dos alambiques), unha semana como mínimo, baixo a hospedaxe e a alimentación das persoas que fosen facer as potadas diariamente.

Ademais do concurso da anguía, tamén ten lugar outro no que se premian as mellores augardentes de cada variedade: branca, de herbas e torrada. O concurso e a cata teñen lugar durante o venres e o sábado, e o domingo é a entrega de premios.

Valga anguila

Máxica queimada

No programa habitual da Mostra da Caña do País existe un espazo especial para a bebida máis máxica e atractiva de entre as rexionais: o sábado a medianoite adóitase realizar unha demostración da popular queimada galega.

Na demostración, que se realiza na hora bruxa e cuxa cata é gratuíta para o público, chegáronse a queimar ata 300 litros de alcol. Segundo a tradición, esta máxica beberaxe debe acompañarse dun esconxuro para manter afastados os espíritos maléficos. A súa preparación depende do gusto do mestre de cerimonias e pode incluír desde grans de café ata mondas de laranxa ou limón, e incluso algo de froita. Mentres tanto, a orixinal e preferida polos máis tradicionais leva só augardente e azucre.

Valga mina mercedes

Que ver en Valga

Para aquelas persoas que desexen pasar máis tempo na localidade, pódese gozar dun paseo polos arredores, pola lagoa de Mina Mercedes en Campaña, de orixe artificial como mina ao descuberto e reconvertida de forma natural en lagoa.

Un paseo máis longo é o Carreiro Cuntis-Valga (PRG-21), un percorrido de ata 17 quilómetros entre as dúas localidades, ou a visita ás diferentes fervenzas, como a de Parafita ou as do río Valga.

Para as persoas interesadas na arqueoloxía, en Cordeiro pódese visitar o xacemento de Igrexa Vella, unha das escavacións máis importantes da comarca, que inclúe unha necrópole de orixe gótica.

Valga angila
Valga caña
Valga mina mercedes
Desplegable