Fiestas en Rías Baixas

Día Mundial do Turismo

A Deputación de Pontevedra aposta por un crecemento inclusivo do sector, no que a colaboración público-privada é clave para a xestión do destino Rías Baixas

O Día Mundial do Turismo, celebrado o 27 de setembro, fomenta a sensibilidade cara ao valor social, cultural, político e económico do turismo de acordo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.

Os e as chefs que reinterpretarán o receitario das irmás Mendoza:

-Casa Solla – Poio
- Iñaki Bretal (Eirado da Leña – Pontevedra)
- Natalia Guzmán (O Refuxio de Merza - Vila de Cruces)
- Marcos Cerqueiro y Iago Pazos (Loxe Mareiro – Vilagarcía de Arousa)
- Elisa (Mamá Lela – Cerdedo-Cotobade)
- Carlota Iglesias (Sumiller de Cabanas – Lalín) 

Este ano 2021, debido ao grande impacto social e económico da pandemia ocasionada pola COVID-19, preténdese reactivar o turismo co fin de axudar a impulsar a recuperación e o crecemento distribuíndo os beneficios de maneira ampla e equitativa. Por iso, velarase por un turismo para un crecemento inclusivo, no que a colaboración público-privada é clave para a xestión e a evolución turística dun destino.

Por este motivo, o Servizo de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra, encargado de desenvolver a xestión pública do turismo da provincia de Pontevedra, quere poñer en valor o sector privado representado por empresarias e empresarios do destino Rías Baixas que desenvolven unha “cociña de autoría”, arraigada na nosa cultura e con produtos de primeira calidade, nun marco tan emblemático coma o palacete das Mendoza, centro neurálxico da cultura da cidade no século XIX e onde vivían as irmás Mendoza.

Tomando como referencia os receitarios destas irmás, neste Día Mundial do Turismo 2021 incidiremos na identidade histórica e cultural do destino Rías Baixas a través da súa excelente gastronomía. Así, o luns 27 realizaremos nos xardíns do palacete, en Pontevedra, unha demostración culinaria cun grupo de cociñeiras e cociñeiros que reinterpretarán algunhas das 500 receitas transcritas das Mendoza.

Imaxes do receitario orixinal das irmás Mendoza.

 

O Palacete

O palacete das Mendoza é un edificio histórico e emblemático situado na zona vella da cidade de Pontevedra que actualmente alberga a sede de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra.

Nesa mesma localización na época medieval erguíanse as Torres Arcebispais, que formaban parte do castelo dos arcebispos de Santiago ou dos Churruchaos, danado tras o asalto inglés en 1719; posteriormente, derrubaron a muralla a mediados do século XIX, polo que só permaneceron en pé as Torres Arcebispais.

En 1877 este terreo adquiriuno Soledad Méndez Núñez, irmá do famoso mariño Casto Méndez Núñez; ela encargoulle a construción do palacete ao arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmeros, con alusións á arquitectura francesa, autor doutros impoñentes edificios do século XIX na capital da provincia, coma o propio Pazo provincial.

A súa propietaria, Soledad Méndez Núñez, cedeulles o palacete á súa irmá M.ª Carmen Clara Méndez Núñez e ao seu esposo, José Babiano Rodríguez; posteriormente, herdárono a súa filla Carmen Babiano Méndez-Núñez e o seu marido, Víctor Mendoza, médico que foi alcalde da Boa Vila. Máis tarde, pasou a mans das súas fillas, María e Concepción Mendoza Babiano.

As irmás Mendoza

María e Concepción Mendoza Babiano estiveron moi implicadas coa cultura e coa sociedade da súa época e, por iso, o palacete pronto pasou a coñecerse como “das Mendoza”.

Ambas as dúas recibiron unha gran formación, dominaban varios idiomas, apaixonáballes a música e gustáballes pintar. O palacete converteuse nun centro de reunión de personalidades do momento, e nel organizábanse sesións musicais e faladoiros. As Mendoza exercían de cónsules para as e os estranxeiros, servíanlles de guías e presentábanllelos ás persoas destacadas da cidade.

As irmás Mendoza foron dúas adiantadas á súa época, educadas nun ambiente artístico e cultural, radicalmente oposto ao da maioría da poboación galega de finais do século XIX. Boa mostra diso son os seus cadernos e exercicios de idiomas estranxeiros, os debuxos de María Mendoza e os receitarios de cociña.

Os receitarios das irmás fan unha recensión ao seu gusto culinario e á súa exquisitez pola variedade gastronómica. Aínda que coñecían a cociña tradicional galega, contaban con certas influencias foráneas.

Como morreron sen descendencia, o inmoble permaneceu deshabitado desde 1971 ata que o adquiriu Caixa Madrid que, ademais de funcionar como entidade bancaria, seguiu mantendo o carácter cultural do edificio.

En 2004 o palacete das Mendoza comprouno a Deputación de Pontevedra para converterse na sede de Turismo Rías Baixas.

Pazo de Quiñones

 

Rías Baixas e a súaa gastronomía

Un dos piares do Servizo de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra é consolidar o destino Rías Baixas baseándose na súa identidade histórica e cultural, xa que ambos son atributos diferenciadores para atraer visitantes.

Rías Baixas é sinónimo de gastronomía de excelencia grazas aos produtos que brinda esta terra. Nela, conxúgase a cociña de fondas raíces cos fogóns máis vangardistas.

Ao poñer en valor o palacete das Mendoza como un recurso turístico e emblemático da cidade de Pontevedra, segue dándoselle continuidade a ese legado cultural. Cómpre darlles visibilidade ás irmás Mendoza para que poidamos coñecer a súa importante achega cultural e social

Os cadernos de receitas destas irmás son un dos referentes gastronómicos do destino Rías Baixas.

Pazo de Lourizan