Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Exposición Ilustrando nas Rías Baixas - Noticia

Unha viaxe en ilustracións polas Rías Baixas

Sete artistas reúnen na sede da Deputación en Vigo creacións inspiradas en distintos lugares da provincia de Pontevedra

Praza de Fefiñáns por Eduardo Bahamonde

As Rías Baixas serviron de inspiración a representantes de todas as artes ao longo da historia ata hoxe. A mostra "Ilustrando Rías Baixas", que se expón na sede da Deputación en Vigo ata o 19 de agosto, reúne obras se sete ilustradoras e ilustradores contemporáneos que expresaron sobre o caderno ou na pantalla a súa visión sobre distintos lugares, xentes e actividades na provincia de Pontevedra. Clara Cerviño, Kiko Dasilva, Lara Lars, Andrea Jano, Eduardo Baamonde, Carlos Castro e Nuvi e Éxfico capturan instantes con distintos estilos e técnicas, mostrando tamén o talento dos e das ilustradoras da provincia e outros lugares de Galicia.

Acuarela, urban sketcher, tinta chinesa ou acrílico... A exposición abarca un amplo abanico artístico. A maioría dos lugares son recoñecibles a primeira ollada, como as prazas de O Berbés (Vigo) e Fefiñáns (Cambados), a ponte da Toxa (O Grove), os faros que salpican a costa ou a ponte de Rande. Noutros casos os e as artistas debuxan escenas poéticas ou integran elementos reais en espazos imaxinarios, creando novos mundos. Tamén se retratan actividades como a pesca e reivindícase a forza das mulleres en distintos escenarios. 

Aquí ofrecémosvos unha mostra do que podedes ver na exposición "Ilustrando Rías Baixas", aínda que o ideal é achegarse e gozar tamén das experiencias que ofrece Vigo. A sede da Deputación está situada na rúa Eduardo Chao e o horario de visita da mostra é de 10.00 a 20.00 horas nos meses de xuño e xullo, e de 10.00 a 14.00 horas en agosto.

  •  
    Clara Cerviño
  •  
    Lara Lars
  •  
    Kiko Da Silva
  •  
    Eduardo Baamonde
  •  
    Carlos Castro
  •  
    Andrea Jano
  •  
    Nuvi e Éxfico
  •  
    Eduardo Baamonde
  •  
    Clara Cerviño
  •  
    Andrea Jano
  •  
    Carlos Castro