Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Apertura exposición María Vinyals Castillo de Soutomaior

Apertura da exposición “Un soño chamado Soutomaior: María Vinyals 1910-1917”

O castelo de Soutomaior inaugura unha mostra con material inédito sobre esta figura histórica

A Deputación de Pontevedra mantén a súa aposta por recuperar a figura de María Vinyals e Ferrés. O día 17 de decembro inaugúrase no Castelo de Soutomaior a exposición “Un soño chamado Soutomaior: María Vinyals 1910-1917” onde se aborda de maneira monográfica os anos que a súa familia pasou na antiga fortaleza da provincia de Pontevedra. Pode visitarse ata o 29 de febreiro de martes a venres, de 10.00 a 19.00 horas, e os sábados, domingos e festivos, de 10.00 a 18.00 horas.

A mostra inclúe obxectos inéditos ata o momento e está dividida en catro ámbitos: vida cultural, vida familiar, o sanatorio Lluria e as circunstancias nas que se perdeu o castelo. Ademais, a través de paneis informarase o público sobre a época que se pretende ilustrar. Trátase dun período florecente no que pasaron polo recinto políticos, intelectuais e científicos cun papel relevante na historia do século pasado.

A nova exposición trata de forma monográfica o período no cal María Vinyals y Ferrés, tras herdar no ano 1908 do seu tío Antonio Aguilar y Correa o castelo de Soutomaior, se trasladou á antiga fortaleza co seu segundo esposo, Enrique Lluria Despau. Xunto a eles chegarían ao castelo o único fillo de ambos, Roger Lluria Vinyals, e as fillas e fillos procedentes dos seus anteriores matrimonios. 



Entre 1910 e 1917 María Vinyals procuraría para toda a prole unha elevada educación, que incluía o estudo de inglés e francés, a arte e a historia. Durante aqueles anos pasaron polo castelo personaxes ilustres da sociedade galega e española do período, coma o pintor Joaquín Sorolla, o escultor Mariano Benlliure, o polifacético Castelao ou a escritora Emilia Pardo Bazán. Incluso o popular aviador francés Védrines visitaría o castelo de Soutomaior convidado polo doutor Lluria. 

Proxecto deste último foi o famoso sanatorio ao que lle deu nome, un moderno complexo hospitalario creado no contorno da antiga fortaleza e que daría asistencia durante seis anos a pacientes que padecían enfermidades urinarias e artritismo. Pero a pesar da prosperidade do sanatorio durante os primeiros anos da súa creación, o estalido da Gran Guerra supuxo un proceso de declive que xa nunca se detería.

Nin sequera o esforzo da ilustre propietaria tratando de buscar novas fontes de ingresos explotando os recursos produtivos existentes no contorno do castelo chegou a cristalizar. Por entón os ideais políticos da parella empezaran xa a espertar receos, e a Garda Civil rexistrou o castelo. O final do soño de crear un fogar naquel contorno paradisíaco esfumouse en 1917 cando a familia se trasladou a Madrid.

 

belendevalga3
belendevalga4