Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia Diputación pone en marcha los Roteiros Literarios y las Rutas de Arquitectura

Roteiros Literarios e Rutas de Arquitectura para animar o outono cultural en Pontevedra

A Deputación reedita ambos programas en colaboración coaa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Academia Galega de Belas Artes

A Deputación de Pontevedra segue a camiñar na “Re-Acción Cultural” da provincia coas dúas novas edicións dos Roteiros Literarios e os de Arquitectura que se levarán a cabo nos meses de setembro e outubro por diversos espazos da provincia. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, destacou hoxe na presentación destas actividades a colaboración respectiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e da Academia Galega de Belas Artes, cuxos representantes Césareo Sánchez Iglesias e Celestino García Braña participaron no acto.

Os Roteiros constarán dun total de 12 rutas (seis literarias e seis de arquitectura), nas que se ofertarán 24 prazas en cada unha e que percorrerán 14 concellos da provincia. Como explicou a presidenta, os Roteiros Literarios desenvolveranse os domingos a partir do 6 de setembro en horario de mañá (11.30 a 13 horas) e serán paseos por seis cidades e vilas escenario de obras literarias.

Terán como guías a autores e autoras da AELG, que tomarán como base obras propias ou alleas. Neste senso, Carmela Silva destacou a labor do colectivo que preside Cesáreo Sánchez na “revolución cultural que sobre todo na escrita está a vivir Galicia”. “Non sei se sairemos mellores ou peores da pandemia, pero a cultura permite construír sociedades mellores, non teño dúbida nin esta Administración tampouco", significou. Por iso imos continuar celebrando estas actividades, incluso conxugándoas en vindeiras edicións, porque a arquitectura é o lugar onde descansa a vida física e a literatura onde descansa a vida toda”.

Camiñadas literarias a partir do 6 de setembro

- As camiñadas literarias arrancarán o 6 de setembro en Baiona, onde Iria Misa comentará os escenarios da súa obra Segredos no solpor.

- Continuarán logo en Vilagarcía (13 de setembro) cun roteiro arredor de O xardineiro dos ingleses, que conducirá o escritor desta obra, Marcos Calveiro.

- En Cerdedo-Cotobade, o 20 de setembro celebrarase a ruta literaria e etnográfica que guiará o profesor e etnógrafo Carlos Solla. 

- O 27 de setembro Manrique Fernández conducirá un paseo polos espazos vinculados á literatura en Ponteareas.

- O programa retómase o 4 de outubro. Xosé Monteagudo fará un repaso pola vida cultural, política e social na cidade de Pontevedra, protagonista da súa obra Todo canto fomos.

-Os roteiros rematarán o 10 de outubro coa ruta guiada por Anselmo López Carreira sobre o Vigo Medieval.

 

O Barroco como eixo central dos Roteiros de Arquitectura

En canto aos Roteiros de Arquitectura, este ano terán como eixo central o Barroco, despois da conmemoración do Día das Artes Galegas deste ano dedicada á figura do arquitecto Domingo de Andrade. Carmela Silva subliñou que “serán visitas sobre época, ética e estética” a diversos espazos barrocos da provincia e que guiadas por tres destacadas mulleres expertas en arquitectura e historia, Estefanía López, Paula Pita e Luz Paz. “Creo que isto tamén visibiliza o moito que as mulleres teñen aportado á arquitectura e a todos os eidos”, sinalou.

Neste caso, os paseos chegarán a todas as comarcas da provincia e serán os sábados en horario de mañá. Comezarán o 12 de setembro en escenarios barrocos de Pontevedra e Poio, para continuar o 19 de setembro por espazos representativos deste estilo arquitectónico en Vilagarcía e Cambados e o día 26 por Tui, onde se visitará a catedral, precisamente unha das obras de Domingo de Andrade, e outros lugares en Salvaterra. Xa en outubro, o día 3 as rutas chegarán a diversos lugares dos concellos de Vigo, Nigrán e  Baiona; o 10 de outubro a espazos barrocos de Bueu e Cangas e o día 17 de outubro finalizarán cunha ruta por pazos en Lalín e A Estrada.

Máxima seguridade

O desenvolvemento destas rutas, como subliñou Carmela Silva, estará guiado por un estrito protocolo “con todas as medidas de seguridade e garantías sanitarias” e, de feito, os desprazamentos aos lugares de partida deberán facerse por medios particulares. Será obrigado o uso de máscara. As inscricións poden realizarse xa no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal, indicando cal é a ruta escollida, os nomes das persoas participantes (máximo de 4 por reserva) e un teléfono de contacto.