Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Turistic contará cunha aceleradora de empresas turísticas

Turistic contará cunha aceleradora de empresas turísticas

Cinco compañías da provincia de Pontevedra poderán beneficiarse deste programa de monitorización cuxo prazo de solicitude abre o vindeiro luns

Para favorecer a adaptación das empresas de turismo provinciais ás novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), a Deputación de Pontevedra iniciará un programa de aceleradora de compañías turísticas a través do seu “Proxecto de axuda ao sector TurisTIC”. Cinco serán as beneficiarias dun plan de seguimento con formación especializada, que conformará un completo programa de máis de seis meses, cuxo prazo de solicitude abre o vindeiro luns 9 de xullo.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou na súa presentación que “o seu proxecto, que vai ser piloto, vainos permitir facer un seguimento e control para despois poder facelo extensivo a todas e todos aqueles que queiran apostar dentro do sector turístico polas novas tecnoloxías como dinamizadoras do seu negocio na provincia”. Ademais, Silva engadiu que na provincia de Pontevedra “hai mais de 10.000 empresas dedicadas ao turismo, o que representa o 34 % do sector en Galicia”.

Programa entre xullo e outubro

Co fin de potenciar un sector estratéxico, a aceleradora disporá dun programa de seguimento en cada un dos cinco proxectos, unha asesora ou un asesor persoal do sector turístico que fará o seguimento e a dinamización e formación en grupo especializada. As empresas ou profesionais interesados en participar poden realizar a súa solicitude a partir do vindeiro luns 9 de xullo, e o desenvolvemento do programa levarase a cabo entre o 16 de xullo e o 19 de outubro de 2018.

Este programa de aceleradora de empresas do sector turístico, que busca mellorar a súa adaptación ás novas tecnoloxías, enmárcase no proxecto TurisTIC, englobado no servizo SmartPeme da Deputación de Pontevedra e incluído no Plan estratéxico de turismo. Dirixido a persoas emprendedoras, empresarias e empresarios, persoas autónomas e ás e aos profesionais das pemes da provincia con interese en darlle un forte impulso ao seu negocio turístico, o proxecto ten como obxectivo promover a innovación do sector e o asentamento do talento e a creatividade na provincia de Pontevedra.

Bases do programa (pdf)