Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia Exposición de Xaime Quessada en el Museo de Pontevedra hasta enero

O Museo de Pontevedra abre as súas portas ao “Universo de Xaime Quessada” hasta xaneiro

A institución desenvolverá visitas guiadas, obradoiros, faladoiros e debates sobre o autor nos vindeiros meses

O Museo de Pontevedra abriu no día de hoxe a última das grandes exposicións temporais de este ano, O universo de Xaime Quessada, que se poderá visitar ata o próximo 10 de xaneiro de 2021, e que estará acompañada de diferentes accións para dar a coñecer a relevancia do artista con visitas guiadas, obradoiros e faladoiros ou espazos de debate durante os vindeiros meses.

O director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, puxo de manifesto os meses de intenso traballo —loitando contra as dificultades derivadas da actual situación de crise sanitaria— que permitiron inaugurar a mostra no día de hoxe. Agradeceu todas as facilidades achegadas pola compañeira vital de Quessada, María Jesús Blanco, e tamén lle amosou o seu recoñecemento á Fundación Xaime Quesada Blanco e a todas as institucións que colaboran cedendo obra.

belendevalga3
belendevalga4

Mencionou o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo Municipal de Ourense, o Museo Municipal Quiñones de León de Vigo, o Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago, as coleccións Abanca da Coruña e Afundación de Vigo, o Parlamento de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela e, finalmente, destacou a súa gratitude a Pilar Corredoira, comisaria da exposición, “por compartir con nós a súa experiencia e bo facer”.

Rey subliñou que O universo de Xaime Quessada é unha retrospectiva do artista ourensán, ao que se lle rende unha homenaxe “cun atraínte e suxestivo percorrido, que atravesa a intensa actividade creativa desenvolvida durante cinco décadas de prolífico traballo”. Fixo fincapé en que “é difícil entender a arte da segunda metade do século XX e comezos do XXI en Galicia sen considerar a obra de Quessada”, xa que a súa produción artística “toca” os diferentes movementos artísticos.

A exposición, lembrou o director, estará acompaña dun catálogo que quedará como un ben tanxible unha vez que a exposición se clausure, “cun deseño coidado e elegante; é unha mostra do esforzo de renovación da imaxe e a identidade corporativa na que estamos inmersos na actualidade”.

Pola súa banda, a comisaria Pilar Corredoira destacou que a exposición contén as pezas máis significativas da traxectoria de Quessada, “deixando claro cales eran os seus intereses estéticos, ideolóxicos e humanos”. A comisaria quixo facer fincapé na loita e posicionamento do autor contra a ditadura franquista —chegando a ser incluso xulgado polo Tribunal de Orden Público por inxurias ao ditador, segundo se recolle no libro Galicia en transición—, e na súa militancia no PCE e na UPG.

Subliñou tamén a súa paixón pola terra, Galiza, e a importancia do seu pais na súa concepción vital, así como a sensibilidade coa que tratou e interiorizou grandes conflitos internacionais ao tempo que facía gala dunha gran capacidade creativa que o mergullou en todas as tendencias do seu tempo.

belendevalga3
belendevalga4

Na rolda de prensa participou tamén o vicepresidente da Fundación Xaime Quesada Blanco, José Gómez Alén, quen agradeceu a atención e o interese prestados polo Museo de Pontevedra e o seu director e tamén manifestou a importancia de “cumprir coas expectativas” para o público dunha exposición como a que abriu hoxe.

Finalmente, a cuñada de Quessada, Josefa Blanco, desculpou a ausencia  da viúva do artista, M.ª Jesús Blanco, por problemas de saúde, asegurando no seu lugar a súa gratitude polo “entusiasmo” á hora de levar á practica a mostra.