Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Mesa del Turismo de Pontevedra Provincia: claves para revitalizar el sector

Sustentabilidade, dixitalización e turismo multiexperiencial: as claves para reactivar o sector en Pontevedra Provincia

A presidenta da Deputación anuncia na Mesa do Turismo unha campaña “moi potente” arredor do Camiño de Santiago

Oficina de Turismo Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra continúa o proceso para revitalizar o turismo na provincia no novo escenario e mantén a súa aposta pola sustentabilidade e a mellora da competitividade a través da calidade, da dixitalización e dos novos produtos con propostas multiexperienciais.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presidiu onte a Mesa do Camiño, na que destacou que o turismo “é un sector estratéxico” para a institución provincial. Ademais de facer balance do Plan estratéxico de turismo 2017-2020, anunciou un novo proxecto: a posta en marcha en 2021 dunha campaña para potenciar o Camiño cunha visión que abarca o rural, as actividades de natureza, o benestar e a saúde. A iniciativa será “moi potente” e presentarase en xaneiro. Ademais, a presidenta incidiu en que no primeiro semestre a Deputación seguirá centrándose no turismo de proximidade. 

O Camiño, “imbatible”

A Mesa, en formato en liña, contou coa representación de entidades públicas e privadas e coa participación de Fernando Valdés, subdirector xeral de Cooperación e Competitividade da Secretaría de Estado de Turismo. “A provincia de Pontevedra teno todo para ofrecerlles a mellor experiencia aos e ás turistas”, explicou, para mostrar a súa aposta por realizar melloras de forma continua nos produtos e na dixitalización. Valdés considera o Camiño de Santiago  que cruza As Rías Baixas por cinco rutas oficiais como un activo “imbatible”.

A presidenta da Deputación resaltou que o desenvolvemento turístico da provincia debe estar ligado á Axenda 2030, documento marco da ONU cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. “O respecto ao medio ambiente, un novo modelo enerxético e de uso dos recursos baseado na sustentabilidade, na dixitalización… Todo iso é fundamental no futuro do sector”, explicou.

Oficina de Turismo Rías Baixas

No seu balance do Plan estratéxico 2017-2020 destacou a cooperación e coordinación co sector a través dos dous grupos de traballo (Mesa do Turismo e Mesa do Camiño) e das oficinas da rede InfoRíasBaixas. Tamén se referiu ao fomento da oferta multiexperiencial promovida pola Deputación con accións no castelo de Soutomaior, coa organización da exposición “Galaicos” ou cos Festivais Rías Baixas; e resaltou que a provincia avanza na transformación integral como destino intelixente a través do proxecto Tourist Inside Rías Baixas.

Éxito das campañas turísticas

Carmela Silva tamén destacou o éxito das campañas turísticas da Deputación, en particular polo recoñecemento a “Fame de Experiencias”, cuxo vídeo oficial recibiu 13 premios internacionais. Así mesmo, respecto á reacción da institución ante a COVID-19 apuntou que “elaboramos plans de continxencia, desenvolvemos campañas online de éxito, reformulamos a formación en formato telemático, mantivemos o apoio ás festas de interese e festivais, e dedicamos recursos á seguridade dos concellos”.

A máxima responsable da institución mostrou o seu agradecemento a Fernando Valdés por participar na Mesa. “É moi importante saber que hai alguén dirixindo o barco. Ogallá recuperemos pronto o noso posicionamento”, apostilou.