Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia Museo Pontevedra exposición Nadais Filgueira Valverde

O Museo de Pontevedra reúne nunha mostra unha selección de nadais da gran colección de Filgueira Valverde

A mostra estará aberta ata o 24 de xaneiro e amosará tarxetas postais que son "pequenas xoias de arte e de lírica de Nadal"

O Museo de Pontevedra quere ser protagonista nestas festas que veñen e vai abrir entre o 3 de decembro e o 24 de xaneiro unha atractiva exposición cunha selección de nadais que recibiu o exdirector da institución museística, Xosé Filgueira Valverde, entre 1936 e 1996. A mostra recollerá apenas 400 das máis de 9.000 tarxetas postais da Colección Filgueira, mais dará a coñecer "pequenas xoias da arte e da lírica de Nadal", segundo asegura a comisaria Sabela Santos Filgueira. Na sala tamén haberá tres grandes nadais –seleccionados entre os expostos– e reproducidos a tamaño xigante para que o público poida facer unha foto.

“Nadais. Colección Filgueira Valverde” recolle parte da correspondencia festiva que o profesor recibiu ao longo da súa vida e que dá mostra da cantidade inxente de relacións que o polígrafo mantiña non só coa intelectualidade galega senón cara ao exterior. Entre os nadais hai remitentes de todos os ámbitos da cultura, entre os que cómpre citar a figuras importantes das letras coma Gerardo Diego, Torrente Ballester, Miguel Delibes, Camilo José Cela, Buero Vallejo… e, en Galicia, Aquilino Iglesia Alvariño, Celso Emilio Ferreiro, Valentín Paz Andrade, Manuel María, Luz Pozo Garza, María Victoria Moreno, Ramón Piñeiro, Xesús Alonso Montero etc.

No mundo das artes, cómpre destacar, entre outros moitos, a José Sesto, Caruncho, Maruja Mallo, Carlos Sobrino, o escultor Acuña, Xoán Piñeiro, Agustín Portela… Xentes da música, da política, das editoriais, arquitectos, arqueólogos e grandes institucións, condes e marquesas, amigos emigrados e académicos, todo un elenco de persoeiras e persoeiros que no seu día tiveron moita sona e quizais hoxe están totalmente esquecidos.

A exposición pretende poñer en valor un modo de expresión moi estendido desde os últimos anos do XIX ata finais do século XX, que é precisamente cando comeza a súa decadencia co uso extensivo das novas tecnoloxías. Está organizada en tres apartados ou seccións, unha parte dedicada a artistas plásticos, onde se atopan nadais de persoas artistas da arquitectura, pintura, escultura e fotografía; unha segunda sección dedicada á poesía galega dos nadais; e unha breve e última parte dedicada á música, con cantos de Nadal populares, poemas de Xosé Díaz Jácome, ou panxoliñas recollidas por Iglesias Vilarelle para a Coral Polifónica.

Para completar esta exposición o Museo escolleu e reproduciu a escala xigante tres das postais, unha destinada á cativada, outra para nenas e nenos e adultos cunha representación dun nadal clásico, e outra para aquelas persoas que celebran o Nadal e as festas desde un punto de vista humanista e laico, co fin de que o público poida facerse fotografías.