Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia Avance Plan Estratégico de Turismo territorio inteligente

O Plan Estratéxico de Turismo 21-23 converterá á provincia de Pontevedra no primeiro territorio intelixente certificado

Carmela Silva : "Este plan estará dotado con 4,5 millóns de euros o próximo ano que, amais, se verán reforzados co financiamento europeo"

Culler de Pau

"Queremos converter á provincia no primeiro territorio intelixente certificado", informou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na presentación das grandes liñas de traballo do Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023. Este novo documento estará centrado na aposta pola dixitalización e no impulso a un modelo de crecemento sostible en liña coa Axenda 2030. Carmela Silva precisou que o próximo ano contará con 4,5 millóns de euros que, amais, “se verán reforzados co financiamento europeo".

"Para nós o turismo é un sector fundamental –destacou- e as administracións temos que ter todo organizado para que unha vez que as vacinas cheguen e haxa inmunidade suficiente como para poder recibir a un número relevante de visitantes, poidamos ter un turismo aínda máis avanzado do que impulsamos nos últimos cinco anos".

Neste contexto, a presidenta explicou que o novo Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023 pretende dar "un salto cualitativo, fortalecer as liñas estratéxicas marcadas no anterior e camiñar cara a transformación dixital do sector turístico de xeito inclusivo e sostible, facendo fronte a tres retos: ofrecer ás persoas viaxeiras hiperconectadas do século XXI experiencias óptimas durante todo o ciclo dunha viaxe, impulsar propostas turísticas competitivas e innovadoras e identificar o destino polo desenvolvemento da cadea de valor turística".

 


En concreto, a través do Plan Estratéxico 2021-2023 preténdese conseguir sete obxectivos xerais centrados nunha metodoloxía adaptada ás novas necesidades do sector, no fortalecemento da capacidade institucional en todos os niveis administrativos, na redución da fenda dixital e a desigualdade territorial na conectividade no territorio, na consolidación de esquemas colaborativos público-privados baseados na innovación e no protagonismo da big data, na interoperabilidade das solucións tecnolóxicas no territorio, na converxencia de orzamentos no marco de financiamento europeo plurianual 2021-2027 e no Plan de Recuperación e na maximización do valor que ten a marca do destino Rías Baixas.

Mesas de traballo en xaneiro

Trala análise da oferta e a demanda, agora estase a realizar o aliñamento do Plan coa Axenda 2030 e co Plan de Sustentabilidade do destino Rías Baixas 2020-2023. O vindeiro paso será a celebración de mesas de traballo participativas, previstas para o mes de xaneiro en diferentes puntos da provincia, nas que se abordarán as perspectivas da dixitalización e a sostibilidade, así como cuestións relacionadas coa mobilidade, servizos turísticos, comercialización dixital, Axenda 2030, emprendemento rural e vixilancia tecnolóxica.

Estas mesas, nas que participarán axentes turísticos, representantes institucionais e colectivos vinculados co turismo, veranse reforzadas, segundo adiantou a presidenta, con entrevistas a 20 persoas expertas nos distintos obxectivos do Plan e nos recursos estratéxicos da nosa provincia.