Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia Récords histórico web de Turismo Rías Baixas y redes sociales

Récord histórico de visitantes na web de Turismo Rías Baixas e forte crecemento do seu impacto en redes sociais

As canles de Twitter e Facebook incrementaron un 13% a súa audiencia nos últimos dous anos

As canles dixitais empregadas por Turismo Rías Baixas para informar á cidadanía e manterse en contacto con potenciais visitantes experimentaron un importante crecemento ao longo do ano 2020 a pesar dos meses de confinamento domiciliario e as restriccións á mobilidade que se mantiveron boa parte do ano. A páxina web corporativa rexistrou un récord histórico de visitantes e as canles de Twitter e Facebook do destino Rías Baixas – Pontevedra Provincia incrementaron un 13% a súa audiencia.

A comunicación dixital foi clave para manter presente a marca Turismo Rías Baixas, fundamentalmente, no mercado nacional. Realizouse unha forte aposta polo contido dixital e audiovisual co fin de entreter á xente nos seus domicilios cos visitas virtuais, galerías, concursos e adaptando a un novo formato dixital contidos de éxitos como as rutas de birding.

Foi preciso buscar novos formatos para seguir promocionando os recursos naturais, patrimoniais e a gastronomía dun destino que xera cada vez maior interese, como reflexan as cifras de consultas na web. A pesar de tódalas limitacións, no ano 2020 a páxina de Turismo Rías Baixas rexistrou unha cifra récord de persoas usuarias, un total de 285.329 visitantes que supoñen unha subida do 33,1% con respecto a 2019.

 

 

O número de visitas á páxina medrou un 7,8% no cómputo global anual e tamén aumentou o número de sesión rexistradas cun total de 356.289, un 29,7% máis que doce meses antes.

Un dos contidos de maior éxito foi a campaña lanzada no mes de xaneiro de 2020 na Feira Internacional de Turismo de Madrid baixo o lema Sigue O Teu Instinto e protagonizada por Celia Freijeiro, unha chamada a voltar aos orixes e conectar coa natureza que se reactivou ademáis con grande éxito no segundo semestre do ano acadando as 64.086 visitas. Entre o máis consumido tamén se atopa o especial praias, as rutas de senderismo e en xeral calquera proposta para realizar actividade ao aire libre seguindo as recomendacións sanitarias.

A Covid-19 fomentou o turismo interno e os desprazamentos de proximidade, o que explica que o 94% das persoas que accederon á web de Turismo Rías Baixas nos últimos doce meses foran de España, sendo Madrid, A Coruña, Valladolid e Barcelona os puntos de orixe máis comúns que se detectaron.

Un 13% máis de seguidores e seguidoras en redes sociais

O forte crecemento de visitas na web corporativa viuse acompañado dun importante aumento da audiencia nas redes sociais de Turismo. Nos últimos dous anos a conta de Twitter medrou un 13% ao rexistrar 3.183 novos seguimentos e o alcance das publicacións disparouse un 15% durante o ano 2020. Actualmente os tuits do destino Rías Baixas – Pontevedra Provincia teñen unha audiencia potencial de 27.100 persoas usuarias.

O rendemento da páxina de Facebook tamén foi moi positivo no último ano pese aos importantes cambios de estratexia e as limitacións para viaxar impostas pola alerta sanitaria. Desde 2018 gañáronse 2.926 seguidores e seguidoras que representan un crecemento da audiencia do 13%. Non obstante, o dato máis positivo non é meramente cuantitativo. A audiencia potencial segue en constante crecemento, pero o importante é que o alcance das publicacións que se realizan nesta rede social foi un 28% superior nestos últimos doce meses, o que se traduce nun consumo superior das propostas, galerías ou campañas informativas que se trasladan á audiencia online.

Os datos indican con claridade que pese ao inusual que foi o 2020 a nivel turístico, as canles dixitais de Turismo Rías Baixas lograron manter e incluso incrementar o interés da audiencia pola oferta da provincia de Pontevedra, o que debería traducirse no futuro a medio prazo nun incremento das visitas físicas ao destino Rías Baixas.