Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia plan estratéxico provincial fondos europeos para turismo

O Plan Estratéxico Provincial dos Fondos Europeos impulsará o turismo intelixente e sostible cun orzamento de 16 millóns de euros

Carmela Silva: "Somos a primeira administración que presenta un proxecto integral para favorecer unha profunda transformación económica, social, cultural e medioambiental da provincia”

A Deputación de Pontevedra presenta o seu Plan Estratéxico Provincial dos Fondos Europeos, cuxos principais retos son a transición verde, a igualdade, a cohesión territorial e a dixitalización. A presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, detallaron na súa exposición que o proxecto aposta tamén de forma decidida polo turismo intelixente e sostible e afonda nunha necesaria reacción cultural.

"Somos a primeira administración que presenta un proxecto integral de fondos europeos", ensalzou Silva antes de detallar que o documento se presentará o vindeiro 1 de febreiro aos concellos e que desenvolve 10 programas cun total de 54 accións cun orzamento estimado de 300 millóns de euros.

En materia de turismo, a presidenta provincial asegurou que a provincia de Pontevedra é nestos momentos “o grande referente do sector na nosa comunidade" e, deste xeito, cun orzamento base de máis de 16 millóns de euros, impulsarase un programa de turismo intelixente e sostible.

“Imos seguir afondando na aposta por un turismo intelixente, sostible, experiencial, competitivo, dixitalizado, baseado na nosa cultura e patrimonio natural, arquitectónico, arqueolóxico, marítimo ou gastronómico", resumiu Silva trazando deste xeito as prioridades da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas para o sector.

En canto á reacción cultural, con máis de 5 millóns de euros, explicou que a Administración pretende “desenvolver unha potente estratexia que permita fortalecer a industria cultural e pemes, rachar coa fenda cultural entre as zonas rurais e urbanas, posicionar a produción audiovisual, musical, literaria, escénica, impulsar a creación de infraestruturas culturais intelixentes, promover o talento” e ao mesmo tempo aproveitar a cultura como un potente factor de “atracción turística".

O obxectivo deste plan estratéxico é "favorecer unha profunda transformación económica, social, cultural e medioambiental da provincia" aliñado cos catro eixos definidos pola Unión Europea, coas dez políticas panca do Plan de Transformación, Recuperación e Resiliencia do Goberno do Estado, cos cinco obxectivos de política de cohesión europea 2021/2027 e coa Axenda 2030.

Convocatorias de interese

Xunto aos Plan Estratéxico de Fondos Europeos, a presidenta da Deputación tamén informou que "estamos presentándonos a todas as convocatorias de interese que o goberno está publicando habitualmente". Neste eido, Carmela Silva destacou que a institución provincial ten presentado xa proxectos adaptados e centrados nos concellos de menos de 5.000 habitantes.

Tamén se está a traballar, desde a Deputación, en iniciativas relacionadas coa implantación do 5G, noutras centradas nas comunidades locais enerxéticas e tamén en plans de sostibilidade turística, en concreto para as comarcas de Deza, Terra de Montes, O Condado e A Paradanta, "que eran as comarcas que cumprían cos criterios marcados polo goberno".