Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia sorteo libro O Castelo de Soutomaior, un lugar cheo de historias de Diego Piay

Sorteamos o libro “O Castelo de Soutomaior, un lugar cheo de historias”, que repasa os seus nove séculos de vida

Consulta as bases para participar a través de Facebook ata o 5 de febreiro

Carmela Silva

Tes ganas de visitar o Castelo de Soutomaior pero aínda non puideches facelo? Ou xa o coñeces e queres rememorar os seus fitos máis importantes?

Para que podas mergullarte na súa historia sen moverte de casa, sorteamos un exemplar do libro “O Castelo de Soutomaior, un lugar cheo de historias”, escrito por Diego Piay, e editado por Alvarellos, no cal se contan detalles, anécdotas e historias dos nove séculos de vida desta fortaleza única.

Neste sorteo dámosvos a oportunidade de escoller o libro en galego, en castelán ou en inglés. E as normas para participar son moi sinxelas. Só tes que seguir en Facebook a páxina “Castelo de Soutomaior”, mencionar nun comentario na publicación do sorteo a persoa coa que queres visitar a fortaleza da provincia de Pontevedra cando se levanten as restriccións e darlle a “Gústame” nesta publicación.

Manteremos aberto o prazo ata o venres 5 de febreiro ás 12:00 horas. Podes ver as bases do sorteo aquí.

Documentación inédita

A Deputación de Pontevedra e a Editorial Alvarellos lanzan este volume que traza un percorrido polo recinto histórico desde o século XII ata a actualidade, acompañado de máis dun cento de fotografías e documentos, como ilustracións e planos, moitos deles inéditos. E inclúe na contraportada un gravado de Carmen Babiano Méndez-Núñez.

Aínda quen non é o primeiro libro sobre a historia do castelo, porque este foi escrito por María Vinyals en 1904, si se trata do único que recolle a evolución do castelo ata hoxe e emprega todas as fontes de investigación dispoñibles na súa elaboración.

Ademais da evolución histórica do castelo de Soutomaior, a través deste volume pódese afondar en cuestións como a "historia da pantasma", "as portas da capela", o cadro de Sorolla de San Jorge e o Dragón ou sobre o tempo no que Alberto Dopazo ou Eugenio Carlos e Hostos y Ayala foron os seus propietarios. Tamén percorre historias relacionadas con visitantes ilustres que acudiron á fortaleza e que situaron ao castelo como centro político e cultural nos séculos XIX e XX.