Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Deputación, Pontevedra, Turismo Rías Baixas proxecto europeo Greentour

A Deputación avanza na súa aposta polo turismo sostible participando no proxecto europeo "Greeentour"

Cun investimento total de 1.172.000 euros, o programa avanza no impulso da economía circular no sector turístico do sur de Europa

A Deputación de Pontevedra dá un paso máis no seu compromiso coa reactivación do sector turístico en 2021 coa súa participación en "Greentour: Economía Circular e Turismo Sostible en Destinos do espazo SUDOE". Este proxecto europeo nace co obxectivo de avanzar cara un novo modelo ambiental, económico e social á vez que se informa ao consumidor e se obtén o seu compromiso co entorno no que se está a desenvolver a actividade turística.

A Deputación destina un orzamento de 100.000 euros, subvencionado o 75 % a través dos fondos FEDER, ao proxecto; que contará cun investimento total de 1.172.000 euros, dos que o 75 % está subvencionado tamén por fondos FEDER. Turismo Rías Baixas formará parte, ata 2023, dun consorcio composto por membros de España, Portugal e Francia; entre os que se atopan a Escola Superior de Comercio Internacional da Universidade Pompeu Fabra, Lloret Futur S.A., a Universidade de Cantabria, a Fundación Camino Labaniego, EnergyLab, a Universidade de Aveiro, o Laboratorio da Paisagem-Associaçao para a Promoçao do Desenvolvemento Sustentável e Auvergne-Rhône-Alpes Tourisme.

Có fin de mellorar os métodos de xestión, conservación, protección, e fomento do patrimonio natural e cultural, "Greentour" desenvolverá 4 ferramentas de avaliación ambiental con análise do ciclo de vida, un software de ecoetiquetaxe para destinos turísticos e procederá á replicación, capitalización e diseminación dos produtos. En concreto, Turismo Rías Baixas testará na provincia de Pontevedra as aplicacións das ferramentas piloto creadas por Lloret Futur S.A. en Lloret de Mar para comprobar o seu axuste e refinamento.

Ecoetiquetaxe para destinos turísticos sostibles

Por outra banda, a Deputación de Pontevedra contribuirá á creación do software de ecoetiquetaxe para destinos turísticos participando nun workshop de capacitación para a recollida de datos dos catro subsectores (hoteis, restaurantes e cafeterías, ocio e transporte). Os datos obtidos servirán de base para a xeración da ecoetiqueta e para a creación dunha base de datos de Análise do Ciclo de Vida (ACV) sobre actividades e establecementos turísticos aberta á comunidade científica.

Ademais, a Deputación disporá de ferramentas que lle permitirán avaliar o impacto ambiental da actividade turística no seu conxunto a fin de implantar melloras coas que avanzar cara a ecoeficiencia do sector, mellorando a xestión do seu patrimonio. Estas ferramentas incluirán unha batería de indicadores ambientais entre os que se atopan o cálculo da pegada de carbono, a acidificación, a eutrofización ou a formación de oxidantes fotoquímicos. Estes instrumentos de avaliación contarán para o seu desenvolvemento coa participación activa nas decisións científico-técnicas do consorcio e outros asociados interesados no proxecto, actuando como aporte de información e control externo dos resultados.

Por último, participará nun seminario aberto que o capacitará para obter a ecoetiqueta anteriormente creada e testada en Lloret de Mar, que permitirá a autoavaliación ambiental dos destinos. A partir dese momento, estableceranse as recomendacións de criterios con enfoque de economía circular a incorporar nas licitacións que leven a cabo as administracións públicas en materia de turismo.

Con este proxecto, a institución provincial aspira a que en 2023 os negocios de turismo rural, aloxamento, transportes ou restauración dispoñan de esta ecoetiqueta para dar resposta ás demandas das persoas ecoturistas, un segmento de público que experimentou un crecemento notable nos últimos 3 anos; e a Deputación de Pontevedra demostra o seu compromiso coa Axenda 2030 e o turismo sostible como sector estratéxico da provincia; apostando pola sustentabilidade, a recuperación do patrimonio e o asesoramento e capacitación para este sector. Neste senso, a institución provincial, aumentou este ano nun 7,7 % o seu orzamento destinado á reactivación cultural, turística e deportiva, alcanzando os 21 millóns de euros.