Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Rías Baixas promociona os Camiños de Santiago en FairWay

Rías Baixas promociona os Camiños de Santiago en FairWay

O actor Rubén Riós acompañará a Carmela Silva na presentación da proposta da Deputación de Pontevedra para que as e os peregrinos “experimenten” as rutas xacobeas

Rueda de prensa Carmela Silva

Rías Baixas volverá sorprender coa presentación das súas cinco rutas xacobeas oficiais o próximo luns no III Fórum do Camiño de Santiago. O actor Rubén Riós será o mestre de cerimonias na presentación da Deputación de Pontevedra baseada na campaña “Fame de Experiencias”.

A provincia de Pontevedra convidará as e os peregrinos a “experimentar” o Camiño da man dunha suculenta gastronomía, bos viños e rutas cara a Compostela cunha longa tradición. Esta combinación de paisaxes de lenda, termalismo, centenarias camelias e produtos de primeira calidade resumirase ao sector turístico e ao público nun vídeo titulado “Segue o compás” que se estreará con motivo deste cume en Compostela o próximo luns.

A intención é fortalecer as relacións co sector privado e o resto de administracións presentes na feira, onde Rías Baixas chegará cunha campaña “innovadora que ofrecerá unha imaxe moderna da provincia” e un expositor que se abrirá ás empresas participantes para que poidan reunirse alí e establecer colaboracións. A presidenta provincial, Carmela Silva, reiterou esta mañá o “compromiso” da Deputación de Pontevedra co Xacobeo 21 e lembrando a letra dunha canción de Coque Malla expresou o seu desexo de que “toda a cidadanía salga a camiñar”.

Rueda de prensa Carmela Silva

As accións de promoción en FairWay seguen as prioridades fixadas no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas no que se apoia a administración nas súas campañas e que está a dar “moi bos resultados”. “Subimos seis puntos e, actualmente, un 40 % dos visitantes que recibe Galicia veñen a Pontevedra. É a bomba”, expresou entusiasmada Silva durante a presentación desta última campaña de promoción centrada nas cinco rutas que cruzan a provincia: Camiño Portugués pola Costa, Vía da Prata, Camiño Portugués, Camiño de Inverno e Ruta do Mar de Arousa.

O peso do turismo en Rías Baixas crece: catro de cada dez visitantes que pasan as súas vacacións en Galicia recalan neste destino

O congreso inaugúrase o domingo e o luns ás 12.30 horas será cando a presidenta e o actor Rubén Riós, responsable do documental “Camiños de Irmandade”, dean a coñecer a forte aposta de Pontevedra por consolidar as súas rutas cara a Compostela. O traballo de promoción, con todo, arrincou xa o xoves cun “fam trip” no que participan bloggers e “hosted buyers” de España, México, Canadá ou Reino Unido e que transmitirán logo as súas experiencias percorrendo a provincia a través de medios de referencia como National Geographic. Tras visitar A Guarda e Baiona, trasladáronse esta mañá ata o castelo de Soutomaior e realizarán o sábado unha parte do camiño en barco.

Silva aproveitou para avanzar que se convocará de inmediato a Mesa do Camiño, unha ferramenta que considera “fundamental” para traballar en coordinación con outras administracións e o sector privado e na que se promoverá un cambio de regulamento para que poida participar nela o conselleiro de Cultura e Turismo ou un representante autonómico. A presidenta provincial apostou por “sumar” esforzos na promoción do Camiño.