Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia Premio Internacional vídeo Sigue Tu Instinto en Berlín

Premio internacional para Sigue o teu instinto nos prestixiosos The Golden City Gate de Berlín como un dos mellores vídeos de ecoturismo do mundo

O audiovisual da Deputación de 2020 acada o seu primeiro galardón internacional seguindo a estela de Fame de experiencias, que suma xa 14 premios

Presentación Momentos Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra acaba de coñecer que o audiovisual Sigue o teu instinto, producido por Esmerarte, foi elixido polo xurado internacional dos premios The Golden City Gate, que se entregan desde hai 21 anos en Berlín, como un dos mellores vídeos de ecoturismo do mundo. Así, a peza coa que a Deputación promoveu o destino da provincia de Pontevedra no 2020 acada o seu primeiro galardón internacional seguindo a estela de Fame de experiencias, que tamén foi premiada en Berlín e suma xa 14 distintivos por todo o mundo.

Sigue o teu instinto competiu con outras 122 películas de 23 países, que foron avaliadas polo xurado internacional dos premios The Golden City Gate. Entre as cuestións que se valoraron positivamente do vídeo destacan a súa realización audiovisual e acústica, os efectos emocionais, a narración da historia, a innovación e o deseño creativo. Así mesmo, no marco da categoría Ecoturismo, na que a Deputación acadou o Premio de Prata, o xurado enxalzou a súa aposta polo turismo verde, saudable e sostible e polo patrimonio natural da provincia de Pontevedra.

Protagonizado pola actriz Celia Freijeiro

O audiovisual, de carácter intimista e protagonizado pola actriz Celia Freijeiro, céntrase en aspectos relacionados coa natureza, co turismo de benestar, coa sostibilidade e co medio, en liña coa aposta da Deputación polos ODS e pola Axenda 2030. Sigue o teu instinto recolle tamén cuestións relacionadas co respecto aos animais e á fauna, coa acción ecolóxica cidadá e institucional, e coa oferta de turismo rural, activo e de aventura na provincia de Pontevedra.

En The Golden City Gate entréganse anualmente tres galardóns (Ouro, Prata e Bronce) en cada unha das súas 18 categorías, nunha gala enmarcada na feira Internationale Tourismus-Börse (ITB) de Berlín, un dos eventos do sector turístico máis importantes do mundo. Ao longo dos seus 21 anos de traxectoria participaron xa 1.939 vídeos de ata 99 países. Fame de experiencias, o audiovisual de promoción da Deputación lanzado no 2019, conseguiu un The Golden City Gate o ano pasado. Ademais deste galardón, tamén sumou outros 13 en festivais internacionais de turismo coma os de Kioto, Nova York, Turquía, Bulgaria, Letonia, Los Ángeles, Serbia, Grecia, Portugal, Croacia e Viena.