Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia Pontevedra lucirá 58 bandera azules en sus playas en el verano 2021

58 praias do litoral de Pontevedra lucirán a bandeira azul este verán de 2021

Sanxenxo consolídase como o municipio de España con máis distintivos, un total de 17; e Vigo lidera a clasificación entre as cidades

No litoral da provincia de Pontevedra ondearán este verán un total de 58 bandeiras azuis. As Rías Baixas garanten desta forma a calidade das súas augas e a prestación de servizos ás persoas usuarias dos areais. Aquí sitúase o municipio con máis distintivos de España, a primeira entre as cidades e a única bandeira azul do territorio nacional para zonas fluviais de baño.

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) concedeu un total de 111 insignias repartidas por toda Galicia, que ascenden ata 155 se se suman os once portos deportivos, a vintena de sendeiros azuis e os 13 denominados centros azuis da comunidade.

O municipio de Sanxenxo consolídase de novo como o concello de España con máis bandeiras azuis. Izaranse na Lapa, Agra, Areas, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, Espiñeiro, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, Panadeira, Paxariñas, Pragueira e Silgar. Todas renovan as súas acreditacións.

Entre as cidades, o récord estatal tamén queda nas Rías Baixas. Neste caso é Vigo a cidade con máis bandeiras azuis do país: dez praias e tres sendeiros á beira do mar. Os areais que verán un ano máis acreditada a calidade das súas augas e instalacións son A Punta, Argazada, Canido, Carril, Fontaíña, Fortiñón, O Vao, Rodas (illas Cíes), Samil e Tombo do Gato.

Cangas, con sete bandeiras azuis, é outro dos municipios que supera a media ducia de distintivos, seguida por Baiona, cun total de seis. Marín renova os cinco do ano pasado para Aguete, Loira, Mogor, Portocelo e O Santo; mentres que en Bueu serán catro os areais acreditados: Area de Bon, Lagos, Lapamán e Portomaior.

Vilagarcía de Arousa conserva as dúas bandeiras azuis de Campanario e Compostela e o mesmo sucédelle á Illa de Arousa con Area da Secada e O Bao. O municipio de Poio poderá colocar a insignia no areal de Cabeceira.

A praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas, volve ser o único areal de río que logra a bandeira azul en toda Galicia.

 

Portos deportivos e sendas

Cinco das once ensinas outorgadas por ADEAC a portos deportivos galegos quedan na provincia de Pontevedra. Tres delas estarán en Sanxenxo, nos portos de Sanxenxo, Portonovo e o Real Club Náutico de Sanxenxo. As outras dúas ondearán no porto deportivo de Cangas e no Monte Real Club de Iates de Baiona .

ADEAC tamén acredita a calidade dun total de nove sendeiros de costa na provincia de Pontevedra, entre eles a senda perimetral Bao-Xastela (A Illa de Arousa ), o sendeiro de Cabo Udra (Bueu) ou o sendeiro do río Verdugo (Ponte Caldelas).

De forma adicional outórgaselle a Marín un distintivo global pola súa rede de sendeiros cara á ría de Pontevedra composta por cinco rutas e tamén se premia a Sanxenxo, cuxo galardón engloba ata seis itinerarios diferentes.

ADEAC tamén examina os centros de visitantes, aulas da natureza ou outras instalacións similares con actividades orientadas cara á educación ambiental sobre os ecosistemas litorais e/ou o desenvolvemento sustentable.

Tamén nesta categoría a provincia de Pontevedra obtén seis recoñecementos para a Aula de Natureza de Cabo Udra (Bueu), o Centro de Interpretación de Agrelo (Bueu), o Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor e o Ateneo Santa Cecilia (Marín), o Centro de Interpretación As Telleiras (Sanxenxo) e o Centro de Interpretación da Conserva (A Illa de Arousa).