Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Presentación Plan Estratégico Turismo Pontevedra Provincia

A Deputación lanza o novo Plan Estratéxico: 16 millóns, 270 accións e un destino Rías Baixas inteligente

“Dispoñemos dun tesouro valioso e debemos xestionalo con responsabilidade compartida”, destaca Carmela Silva na presentación ante alcaldes, alcaldesas e o sector

O Plan estratéxico de turismo 2021-2023 da Deputación de Pontevedra, que marca a folla de ruta da institución para a reactivación do sector tras o durísimo impacto da pandemia da COVID-19, inicia a súa andaina. A presidenta, Carmela Silva, presentou as principais liñas do documento no Pazo provincial nun acto ante alcaldesas e alcaldes e unha ampla representación do sector. O evento contou coa intervención de varias e varios representantes de diferentes ámbitos —a cultura, a enogastronomía e o turismo de natureza—, que achegaron as súas reflexións sobre a situación actual e as perspectivas de futuro. A artista Najla Shami puxo a melodía ao acto.

O Plan estratéxico mobilizará ata 16 millóns de euros, ademais dos fondos europeos que quere impulsar, e inclúe 46 plans de actuación e 269 accións operativas. O seu principal obxectivo é “converter Pontevedra Provincia no primeiro territorio certificado como destino turístico intelixente”, remarcou a presidenta da institución provincial.

Reforzar a marca Rías Baixas-Pontevedra Provincia

Ademais, entre as finalidades do plan destaca potenciar o turismo como medio para mellorar a calidade de vida da poboación local e reforzar o posicionamento de Rías Baixas como un destino con identidade propia, sostible, de calidade e singular. Todo iso ao redor de catro grandes eixes: a promoción e a comunicación; a oferta turística diferenciada; a competitividade e a reactivación; e a intelixencia no destino.

“Se algo puxo de manifesto esta pandemia é a necesaria transformación dixital e a resiliencia dos destinos sostibles e verdes. Sabemos que dispoñemos dun tesouro valioso e témolo que xestionar con intelixencia e responsabilidade compartida. Vivimos nun paraíso e debemos coidalo, preservalo e melloralo como legado para o futuro”, engadiu a presidenta.

Na elaboración do documento levouse a cabo unha axenda de traballo que comezou o pasado mes de novembro e incluíu a realización de 12 mesas de traballo temáticas cunha alta participación.

(PLAN ESTRATÉXICO ÍNTEGRO)

Dixitalización, sostibilidade e experiencias

As e os representantes do sector que interviñeron no acto de presentación reflexionaron sobre cuestións chave para a recuperación do turismo como a dixitalización, a sostibilidade, as experiencias ligadas á cultura e a importancia da cadea de valor que compón a enogastronomía.

Adolfo Neira, da empresa EOSA, encargada da elaboración do plan, fixo fincapé na importancia da tecnoloxía “fundamental neste escenario de incerteza ” e “núcleo gardián do plan”. Pola súa banda, Ana Vázquez, xerente de Alecrín, e Goretti Álvarez, do restaurante Silabario, profundaron na sostibilidade resaltando, a primeira, a importancia de “coidar a natureza, o patrimonio material e inmaterial para que a longo prazo poidamos ter un sector turístico consolidado” e, no caso da segunda, a importancia do produto local e o coidado da terra “para garantir un destino turístico de calidade, verde e de excelencia”.

Finalmente, Jordi Lauren, en representación de Rías Baixas Fest, e Ángel Sánchez, codirector do festival Play-Doc dos FilmFest, reivindicaron a importancia da cultura como foco de atracción turística. Lauren destacou o papel “dos festivais como compañeiros de viaxe idóneos para comezar a reactivación turística, social e económica que temos por diante” e Sánchez apelou á importancia dos eventos culturais “para innovar e tecer redes para fomentar o desenvolvemento local e atraer turismo”.