Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia Soutomaior y cinco pazos incorporan Itinerario Europeo Jardines Históricos

O castelo de Soutomaior e cinco pazos de Pontevedra incorpóranse ao Itinerario Europeo de Xardíns Históricos

Esta ruta internacional está avalada polo Consello de Europa e permite acceder a intercambios culturais e iniciativas de investigación e turismo sostible

O castelo de Soutomaior e os xardíns do pazo de Lourizán (Pontevedra), o pazo de Oca (A Estrada), o pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia), o pazo de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa) e o Pazo-Museo Quiñones de León (Vigo) acaban de incorporarse ao Itinerario Europeo de Xardíns Históricos, unha ruta cultural de ámbito internacional certificada polo Consello de Europa.

A entidade celebrou o pasado mes de setembro a súa asemblea xeral en Hannover, Alemaña, e decidiu incorporar á súa rede un total de doce novos recintos europeos, nove deles en Galicia e seis na provincia de Pontevedra. Todas as persoas interesadas foron informadas disto hai uns días.

Os xardíns seleccionados na zona das Rías Baixas son xa importantes recursos turísticos recoñecidos pola súa enorme riqueza ambiental e botánica, ao formar parte da Ruta da Camelia do destino #RíasBaixas-#PontevedraProvincia e acoller algúns exemplares do Catálogo galego de árbores senlleiras.


Trinta e sete recintos de oito países diferentes

“É un pracer e unha honra darvos a benvida á nosa rede. Xuntos, poderemos promover o valor dos xardíns históricos e os valores do Consello de Europa en toda Europa”, destacou o presidente da entidade, Jaume Dulsat, unha vez anunciadas as doce novas incorporacións a esta ruta cultural internacional da que forman parte un total de trinta e sete recintos botánicos de oito países: Portugal, España, Italia, Grecia, Alemaña, Polonia, Hungría e Xeorxia.

Na misiva remitida pola entidade a Soutomaior e aos cinco pazos da Ruta da Camelia explícase que a certificación como novos membros do itinerario é unha garantía de excelencia que lles permitirá beneficiarse dunha serie de actividades de cooperación en investigación, mellora da memoria e do patrimonio, intercambios culturais e educativos, e iniciativas de turismo cultural e desenvolvemento sostible impulsadas a nivel europeo.

Nos próximos meses preténdese darlles visibilidade aos itinerarios culturais europeos mediante a creación dunha guía coas rutas europeas das que forma parte Galicia e na que terán presenza os nove xardíns históricos galegos incorporados este outono, dos que seis corresponden á provincia de Pontevedra.

 


Unha oferta cultural e turística de calidade

O Itinerario Europeo de Xardíns Históricos pretende recoñecer o valor histórico, artístico e social destes recintos. Forma parte, ademais, do programa Itinerarios Culturais, lanzado polo Consello de Europa en 1987. Trátase dunha entidade sen ánimo de lucro que persegue difundir e promocionar unha oferta cultural e turística de calidade, así como os territorios onde se atopan.

O seu comité científico está composto por doce prestixiosas e prestixiosos académicos, científicos e profesionais especializados nos sectores da cultura e do turismo de cinco países diferentes e representan entidades de renome como o ICOMOS-IFLA, a Unesco, a Alianza de Paisaxes Culturais do Patrimonio Mundial, a Sociedade Alemá para a Arte do Xardín e a Cultura da Paisaxe, o Instituto de Estudos Madrileños do CSIC ou o Consello Nacional de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible de Portugal, entre outros.