Un ano e mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra

Video

Descubre o extenso e rico patrimonio inmaterial da provincia de Pontevedra, que podes celebrar ao longo de todo o ano. Porque dos seus incribles espazos naturais, das súas inesquecibles postas de sol, da súa costa ou das súas aldeas de interior, emerxen formas de vida propias, auténticas, que se transmiten de xeración en xeración: lendas, ritos e festas, pagás e relixiosas, vinculadas ás crenzas e pensamentos das e dos seus habitantes. Tamén descubrirás oficios artesanais, cancións centenarias ou receitas tradicionais cos produtos únicos deste territorio que forxaron a nosa identidade.

Déixate inspirar pola historia ancestral da provincia de Pontevedra na túa próxima escapada.

HERBAS DE SAN XOÁN

San Xoán é o preludio do verán nas Rías Baixas. Saír recoller as herbas para preparar "o cacho" supón entrar na nova estación limpándose do malo para recibir o bo. Cada 23 de xuño é costume recoller sete ou máis herbas aromáticas, que se deixan á rosada durante a Noite de San Xoán, a máis máxica do ano, para lavarse coa súa auga á mañá seguinte.

FESTA DA COCA DE REDONDELA

Centos de persoas asisten cada ano á Festa da Coca a principios de xuño para homenaxear a lendaria vitoria do pobo redondelán fronte ao dragón. A vila vístese para a ocasión con espectaculares alfombras florais que deseña e elabora a veciñanza. Reúnense para celebralo con música e danzas que acompañan a procesión da virxe da Gabacha.

RAPA DAS BESTAS

Unha vez ao ano, os cabalos que libremente habitan nos montes de Sabucedo lévanos ata os curros, recintos pechados onde as aloitadoras e os aloitadores rapan e desparasitan os animais antes de volver liberalos. Unha tradición con séculos de historia que se converteu hoxe en día nunha das grandes celebracións de Galicia.

CONFECCIÓN DO LIÑO

O tratamento do liño é unha tradición viva na comarca de Deza. Recoller o que se cultivou e procesalo cos apeiros que acompañaron xeracións tradúcese nunha gran reunión para a comunidade local, un encontro no que a música e as cancións tradicionais son as auténticas protagonistas.

FESTAS DE DARBO

A Danza e Contradanza de Darbo, no mes de setembro, é unha das danzas ancestrais máis antigas de Galicia, con séculos de historia. En honor de santa María de Darbo, durante o baile as damas visten coloridos chapeus florais e os galáns portan pendentes e plumas nos seus chapeus.

ROMARÍA VIQUINGA DE CATOIRA

Unha das grandes festas pagás das Rías Baixas é a recreación épica da invasión viquinga en Catoira a principios de agosto. Unha escusa para celebrar a historia nunha multitudinaria festa con gastronomía e viño da comarca e unha ampla programación de actividades culturais.

Play video
Video