Fiestas en Rías Baixas

Sorteo #momentosRíasBaixas

Presentación Momentos Rías Baixas

O cuarto sorteo "Momentos Rías Baixas" celébrase entre o 11 de outubro e o 11 de novembro de 2021. Para participar e optar a gañar estancias na provincia de Pontevedra e actividades turísticas só tes que publicar unha fotografía ou un vídeo propio tomado na  provincia de Pontevedra no teu muro de Instagram, Facebook ou Twitter cunha breve explicación de por que ese foi un momento especial para ti.

No texto da publicación tes que incluír os  hashtag “#momentosRíasBaixas” e  “#PontevedraProvincia”.  

 E lembra:

- O teu perfil social debe ser público.  

- Debes etiquetar na foto ou vídeo ao perfil de Turismo Rías Baixas nesa rede social.

- Non entrarán no sorteo as publicacións efémeras como “ Stories” ou “ Fleets”.

- As fotografías/vídeos terán que ser orixinais e propias.

- Se aparecen outras persoas, asegúrate de ter o seu permiso expreso para publicalas.

Podes participar con máis dunha publicación, pero só poderás gañar un premio.

Está atento/a ás datas de inicio e fin de cada sorteo, publicarémolas nos perfís oficiais de Turismo Rías Baixas en Facebook, Twitter e Instagram.

[LISTA DE GAÑADORES DO PRIMEIRO SORTEO]

[LISTA DE GAÑADORES DO SEGUNDO SORTEO]

[LISTA DE GAÑADORES DO TERCEIRO SORTEO]

[LISTA DE GAÑADORES DO CUARTO SORTEO]

Bases do sorteo

1. OBXECTO

Constitúe o obxecto destas bases regular as condicións do sorteo de 20 packs de estancia e/ou actividades turísticas na provincia de Pontevedra para dúas persoas durante o ano 2021.

2. ENTIDADE ORGANIZADORA
A entidade organizadora do sorteo é a Deputación de Pontevedra.

3. FINALIDADE DO SORTEO
A finalidade do sorteo é promocionar o destino “Rías Baixas” e, en xeral, a provincia de Pontevedra a través dos perfís sociais.

4. ÁMBITO TERRITORIAL E DE APLICACIÓN DA PROMOCIÓN
O sorteo levarase a cabo exclusivamente para persoas usuarias de Instagram, Facebook e Twitter, con perfil público e persoal de calquera lugar do mundo.

5. ÁMBITO TEMPORAL
O período de participación nos distintos sorteos publicarase nos perfís da Deputación de Pontevedra das diferentes redes sociais e levarase a cabo, en todo caso, no ano 2021.

6. CARÁCTER GRATUÍTO DO SORTEO
O sorteo levarase a cabo baixo a modalidade de “sorteo gratuíto”, de forma que a participación no sorteo non implicará ningún gasto para o participante, quen só deberá publicar nos seus perfís das redes sociais un contido xerado no destino “Rías Baixas”/“Pontevedra provincia”.

7. FINANCIACIÓN
O sorteo ten un coste máximo para a Deputación de Pontevedra de 18.518,40 € que se imputarán con cargo á aplicación 21/433.4320.227.99 co seguinte detalle:
 
CONCEPTO IMPORTE
Packs estancias e actividades
15.000,00 €
Retención IRPF
3.518,40 €
TOTAL
18.518,40 €

8. PARTICIPANTES
Poderán participar no sorteo as persoas maiores de idade que estean ao corrente das súas obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social que realicen as actuacións indicadas no apartado “mecánica do sorteo”.

Non poderán participar as persoas empregadas no Servizo de Turismo da Deputación de Pontevedra nin na empresa encargada de xestionar as redes sociais, execución de sorteos e seguimento da comunicación en redes sociais de Turismo Rías Baixas – Deputación de Pontevedra.

9. PRAZOS DE CELEBRACIÓN DO SORTEO
Celebraranse, como máximo, seis sorteos, todos eles no ano 2021.

A data de comezo e prazo para participar no sorteo publicarase nas redes sociais da Deputación de Pontevedra e na páxina web. Este anuncio conterá, polo menos, a información sobre a data de inicio e fin para participar, as condicións de participación e a data do sorteo.

10. MECÁNICA DO SORTEO
Para entrar no sorteo, os participantes deberán publicar unha fotografía/vídeo propia - tomada na provincia de Pontevedra e cun comentario - no seu muro de Instagram/Facebook ou Twitter.

- O participante ten que ter o seu perfil social público.

- Deberá etiquetar na foto ou vídeo ao perfil de Turismo Rías Baixas:

https://twitter.com/turisriasbaixas
https://www.instagram.com/turismoriasbaixas/
https://www.facebook.com/turismoriasbaixas

- Na devandita publicación o participante deberá explicar brevemente por que ese momento na provincia de Pontevedra é especial ou memorable e en que lugar se tomaron as imaxes.
 
- Na publicación han de figurar os hashtag “#momentosRíasBaixas” e “#PontevedraProvincia”.

- Non concursarán as publicacións efémeras como “Stories” ou “Fleets”. Os participantes deberán realizar a publicación no seu muro ou cronoloxía.

- As fotografías/vídeos terán que ser orixinais. O participante manifesta e garante que é o único titular de todos os dereitos de autor sobre fotografía/vídeo que se presenta ao sorteo e responsabilízase totalmente de que non existan dereitos de terceiros nas obras presentadas, así como de toda reclamación de terceiros por dereitos de imaxe.

- Se na fotografía ou vídeo aparecen outras persoas, o participante deberá ter permiso expreso das mesmas para publicar o devandito contido.

- Non se admitirán contidos de carácter racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razón de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade. Non se aceptan as publicacións que conteñan apoloxía do terrorismo ou da violencia, ou que apoien violacións dos dereitos humanos. Non se admiten publicacións con contidos ou ligazóns que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor. Non se aceptarán as publicacións con contidos, ligazóns ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.

Os gañadores elixiranse mediante unha ferramenta de selección por criterio aleatorio e ao azar. A ferramenta xera unha listaxe cos participantes na acción e serán elixidos 5 gañadores dun pack cada un para acceder ás estancias ou actividades turísticas no destino Rías Baixas. Tamén de forma aleatoria, determinaranse 5 suplentes que poderán obter o premio en caso de renuncia ou non comunicación dalgún dos gañadores.

Cada usuario pode participar con máis dun contido publicado, pero só poderá gañar un premio. Non serán válidos contidos publicados previamente á data de inicio de cada sorteo.

Os contidos publicados polas persoas participantes só darán dereito a participar nun sorteo, de forma que as publicacións tidas en conta para un sorteo, non se terán en conta para os sorteos sucesivos.

11. COMUNICACIÓN DO SORTEO
Todas as comunicacións dos sorteos (condicións e especificacións) faranse desde os perfís sociais de Turismo Rías Baixas (Twitter/Facebook/Instagram) e poderán consultarse na páxina web https://turismoriasbaixas.com

12. PREMIO
Sortearanse 20 packs de estancia e/ou actividades turísticas nas Rías Baixas para dúas persoas a gozar durante o ano 2021.

Realizaranse un máximo de seis concursos. En cada concurso sortearanse cinco packs, nomeando, por tanto a cinco gañadores en cada sorteo.

O premio non pode ser transferido, non pode revenderse, atópase suxeito a dispoñibilidade, e a Administración resérvase o dereito de substituír calquera premio por outro de valor equivalente.

O premio terá a consideración de ganancia patrimonial. O importe bruto máximo do premio ascende a 617,28 €, dos cales, 500,00 € corresponden ao valor do pack que se entregará aos participantes e 117,28 € á retención en concepto de IRPF que realizará a Deputación de Pontevedra ao gañador.

A valoración dos premios poderá variar en función do premio sorteado. O valor definitivo comunicarase ás persoas gañadoras antes de que se produza a aceptación ou rexeitamento do premio.

13. COMUNICACIÓN DOS GAÑADORES
Unha vez finalizado o sorteo, informarase do resultado do sorteo mediante unha publicación nos perfís sociais de Turismo Rías Baixas e a web www.turismoriasbaixas.com.

14. ACEPTACIÓN DO PREMIO
Os gañadores terán que informar da súa identidade á Deputación de Pontevedra no prazo de tres días hábiles desde que se comunique o resultado do sorteo mediante o envío dun correo electrónico á dirección redessociais.riasbaixas@depo.es

No correo deberán comunicar a súa identidade (DNI, nome e apelidos), así como dirección postal, número de teléfono e correo electrónico.

No prazo de tres días hábiles, a Deputación de Pontevedra comunicaralle por correo electrónico á dirección indicada as características exactas do premio, así como o valor do mesmo e enviaralle un modelo de declaración responsable achega do cumprimento de requisitos e de non estar incursos en causas de prohibición para obter subvencións.

No prazo de tres días hábiles desde o envío desta comunicación, a persoa gañadora deberá aceptar e enviar a declaración responsable á que se refire o apartado anterior e copia do seu DNI ou documento equivalente.

Transcorrido o prazo sen producirse a aceptación, entenderase rexeitada e asignarase o premio ao seguinte finalista.

15. CESIÓN DE DEREITOS
Os participantes no sorteo ceden á Deputación de Pontevedra todos os dereitos de explotación de fotografías/vídeos/textos colgados cos hashtag xa mencionados, con motivo da súa participación neste sorteo. Turismo Rías Baixas - Deputación de Pontevedra poderá utilizar libremente ditas imaxes na súa campaña (en páxinas web, así como noutras publicacións, tanto en liña como offline).

16. PUBLICIDADE
As bases reguladoras do sorteo publicaranse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na páxina web de Turismo Rías Baixas – Deputación de Pontevedra www.turismoriasbaixas.com.

O nome das persoas gañadoras publicarase na páxina web de Turismo Rías Baixas – Deputación de Pontevedra www.turismoriasbaixas.com

17. RESERVAS E LIMITACIÓNS
A Deputación de Pontevedra resérvase a posibilidade de rexeitar o rexistro daqueles participantes cuxos datos non estean completos ou cuxas participacións non cumpran os requisitos para poder entrar no sorteo.

A Deputación de Pontevedra resérvase o dereito para efectuar cambios que redunden no bo fin do sorteo, cando concorra causa xusta ou motivos de forza maior que impidan levalo a termo na forma descrita nestas bases.

18. ACEPTACIÓN DAS BASES
A participación no sorteo implica, por si mesma, a aceptación das presentes bases. A falta desta aceptación por parte do participante comportará a exclusión da súa participación no sorteo.

19. RÉXIME XURÍDICO
O sorteo rexerase polas presentes bases reguladoras. Supletoriamente aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra, aprobada polo pleno da corporación na súa sesión ordinaria do 28 de outubro de 2016 e publicada no BOPPO nº 249 do 30 de decembro de 2016, nas bases de execución do orzamento vixente da Deputación de Pontevedra e demais normativa de pertinente aplicación.

20. RECURSOS
Contra o acordo de aprobación destas bases, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñer un recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao desta publicación (artigos 112, 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas) ou ben, directamente, recurso contencioso – administrativo perante o xulgado do Contencioso – Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso – Administrativa. Todo iso sen prexuízo de que poida interpoñer calquera outro recurso que estime conveniente.

21. TRATAMENTO DE DATOS PERSOAIS
De conformidade coa normativa vixente en materia de protección de datos, infórmaselle que os datos persoais que sexan facilitados para participar neste sorteo, serán tratados pola Deputación de Pontevedra coa finalidade de xestionar a súa participación no sorteo. A licitude do tratamento baséase no artigo 6.1.e) do RGPD: o tratamento é necesario para o cumprimento dunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos conferidos ao responsable do tratamento: Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local e bases que regulan o sorteo. Os datos serán tratados pola Deputación en calidade de responsable do tratamento durante o desenvolvemento da actividade e durante os prazos legalmente previstos ata a prescrición de responsabilidades derivadas do tratamento.

Os datos relativos a: nome e apelidos dos premiados poderán serán publicados en: prensa escrita, web e redes sociais oficiais da Deputación de Pontevedra.
 
As persoas participantes poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou revogar o seu consentimento segundo o previsto en https://depo.gal/proteccion-de-datos/exercicio-de-dereitos.