Combarro: pasea entre hórreos á beira do mar

A vila mariñeira de Combarro é un dos recunchos máis especiais das Rías Baixas. O seu centro histórico, salpicado de cruceiros e palleiras, desprende tradición e está moi vinculada ao mar

Os hórreos, as casas mariñeiras e os cruceiros abundan no pintoresco conxunto histórico de Combarro, situado no municipio de Poio. Unha vila mariñeira das Rías Baixas con moito encanto que se erixe sobre o granito, presente tamén nas súas fachadas, prazas, escaleiras e rúas que asoman ao mar.

non perdas de ver ...

  • Hórreos e cruceiros de Combarro
  • Rúa do Mar
  • Praia do Padrón
  • Mosteiro de San Xoán de Poio
Combarro
Hórreo San Xoan de Poio

O hórreo máis grande de Galicia

Na mesma localidade que Combarro atópase un dos grandes mosteiros da provincia de Pontevedra, o de San Xoán de Poio. Este cenobio alberga nos seus xardíns o hórreo máis grande de Galicia en canto a superficie, sostido por un total de 51 pés. A súa fermosa igrexa, os seus claustros, un grandioso mosaico sobre o Camiño de Santiago e a súa biblioteca son algunhas das xoias que garda este mosteiro, que na actualidade conta cunha hospedería.

O mellor punto para comezar a explorar esta singular e fermosa zona vella é a praza Peirao da Chousa para despois continuar polas súas rúas principais, a do Mar e a de San Roque, que conduce á igrexa do mesmo nome.

Os cruceiros de pedra son tamén símbolos da arquitectura popular de Galicia que se alzan en cada recuncho desta vila mariñeira

Os hórreos, tamén denominados palleiras, utilizábanse como celeiros ou despensas para gardar e conservar os alimentos. Hoxe en día estas construcións son unha das máximas expresións da arquitectura popular galega e conforman a inconfundible silueta de Combarro.

Combarro
Combarro

Agricultura e pesca conviven en perfecta harmonía neste recuncho da ría de Pontevedra. Nas súas rúas non faltan os apeiros de pesca, as redes e as nasas amontoadas á beira do mar, onde descansan pequenas e coloridas embarcacións. Os cruceiros de pedra son tamén símbolos da arquitectura popular de Galicia que se alzan en cada recuncho desta vila mariñeira, ao igual que o son as típicas casas mariñeiras, con soportais e balcóns orientados á ría.

A pesar do reducido tamaño desta vila mariñeira, son moitos os establecementos nos que degustar a gastronomía das Rías Baixas, comprar agasallos da visita e unha gran variedade de produtos artesanais. Tras percorrer as súas rúas, a praia do Padrón ofrece unha das mellores vistas de Combarro. Os hórreos ao bordo do mar protagonizan esta espectacular panorámica da ría de Pontevedra.