Ruta polos vales do río Ulla

Catoira, Valga, Pontecesures e A Estrada: ataques viquingos, vampiros de mar e un xardín versallesco
 

Lagoa de Pedras Miúdas

10:00

Nunha das montañas de Catoira, por detrás dos muíños de Abalo, atopamos a lagoa das Pedras Miúdas, un lago que se formou tras o peche dunha antiga canteira. Está catalogada co nome de O Outeiro da Vila no Inventario dos Humidais de Galicia.

Torres de Oeste

11:30

Este magnífico complexo fortificado atópase na desembocadura do río Ulla. As torres de Oeste son un conxunto de defensas que ordenou construír o bispo Cresconio tras repeler un ataque viquingo na localidade de Catoira para protexer Santiago de Compostela dunha incursión desde o Atlántico.

Fervenza de Raxoi e muíños de Parafita

12:30

Animámosvos a gozar dun paseo pola fervenza de Raxoi e polos muíños de Parafita. É un contorno natural impresionante perfecto para dar un agradable paseo ao fresco en compañía do rumor da auga.

Comer en Pontecesures

14:30

A lamprea tamén é coñecida como vampiro de mar porque se alimenta do sangue doutros peixes. Nace en augas doces, chega á idade de maduración no mar e regresa aos ríos para desovar e morrer, coma os salmóns. En Pontecesures celébrase unha festa de exaltación deste produto desde 1996.

Pazo de Oca

17:00

Data dos séculos XVII-XVIII e é quizais o exemplo máis representativo da arquitectura palaciana tipicamente galega, un conxunto notable pola súa riqueza tanto arquitectónica coma botánica. Coñecido como o Versalles galego, está declarado como Monumento Histórico-Artístico. O trazado dos seus xardíns, que se remontan á segunda década do século XVIII, é produto e reinterpretación da tradición francesa.