Deporte e arqueoloxía no curso do río Oitavén

Fornelos de Montes e Pazos de Borbén: unha xornada de deporte, un conxunto excepcional de petróglifos e unha fervenza de fantasía
 

Antigas cidades escondidas

09:30

Cos primeiros raios do sol aconsellámosvos que vos adentredes no monte da Cidade. Aquí descubriredes un antigo castro da Idade de Ferro ocupado posteriormente por un poboado agrogandeiro do que atoparedes vestixios. O máis curioso da zona é a conservación dun acueduto no medio do bosque. Está datado en 1787 e canalizaba as augas e a rega para as terras de cultivo dispostas en socalcos sobre o río.

Aventuras no Oitavén e Eiras

11:30

O río Oitavén déixanos unhas ribeiras moi tranquilas nas que podemos pasear ou practicar algún deporte coma o kaiak. Aconsellámosvos que contactedes coa granxa El Kiriko, onde podedes realizar actividades en familia e coas amigas e amigos. No encoro de Eiras tamén gozaredes de actividades coma kaiak ou paddle surf e dun parque inchable acuático.

Gastronomía de interior

14:00

En Fornelos de Montes tes que probar a chanfaina á brasa, un chourizo que se fai con carne de porco e á que todo o mundo lle dá un sobresaínte. A nota doce poñerana unhas ricas filloas á pedra.

Fervenza de Casariños

16:30

Empeza a tarde aos pés da impresionante fervenza de Casariños, moi preto da serra do Suído, e á que se pode acceder facilmente desde a área recreativa da Laxe. A fervenza está formada pola unión de dous ríos denominados Barranqueira de Fonte Uceira e Barranqueira do Rego de Casariños. É un enclave pouco coñecido pero perfecto para refrescarse nos meses de verán.

Ruta arqueolóxica

19:00

Os numerosos gravados rupestres que se atopan en Pazos de Borbén son sen dúbida algúns dos grandes tesouros cos que conta este municipio. Concretamente en Amoedo hai unha ruta con máis de 80 restos de grande interese, coma os petróglifos de Veiguiña Longa ou Rego Novo, ou dolmens coma os de Leghoa Seca ou Chan dos Curros.