Descubre Pontevedra nun paseo

Pasea polo centro, visita o espléndido museo e terracea nas prazas
 

Pasea pola senda fluvial do Lérez

10:00 h

O topónimo de Pontevedra significa “ponte vella” en referencia á primitiva ponte do Burgo, construída na época dos romanos para salvar o río Lérez. Comeza aquí a xornada cun paseo pola súa beira ata a Illa das Esculturas, na que se combinan natureza e arte. A ruta completa é duns 6 quilómetros.

Descubre o Museo de Pontevedra

11:00 h

Á volta do paseo visita o Museo de Pontevedra e descubre o impresionante legado das Rías Baixas. Comeza o percorrido no Sexto Edificio e goza dunha ampla colección de pintura e escultura. O Edificio Sarmiento, unido co Sexto e contiguo á igrexa de San Bartolomeu, deleitarate coa arqueoloxía da provincia.

Goza da gastronomía no mercado municipal

13:00 h

Continúa a túa xornada cunha visita á praza de abastos pontevedresa, o summum do produto fresco e de calidade, un grande escaparate de produtos gastronómicos de primeira do mar e da terra. Para mellorar a experiencia fai a túa compra no mercado; varios establecementos prepararanche a comida cos produtos da túa escolla.

Mergúllate na zona monumental

15:30 h

É hora de pasear polas rúas e visitar monumentos. Un bo punto de partida é a praza de Méndez Núñez, na que a estatua de Valle-Inclán che dará a benvida. Continúa ata a basílica de Santa María; desde o seu campanario as vistas son magníficas. Segue cara ás Ruínas de San Domingos e despois ata a igrexa da Peregrina, símbolo da cidade. Moi preto están a praza da Ferrería e o convento de San Francisco. Finaliza o percorrido nas prazas da Leña e da Verdura.

Vive o ambiente das súas terrazas

19:00 h

Tras percorrer a zona monumental desta fermosa cidade, é hora de relaxarse nalgunha das terrazas que atoparás nas súas rúas e prazas cheas de encanto. Se te contaxiou o ambiente do lugar poderás cear nalgún dos variados locais de hostalería do centro monumental. Consulta aquí o rueiro de Pontevedra e prepara o teu percorrido.