Augas para coidar o corpo e a mente

As augas termais son un luxo para os sentidos. Rodeados de natureza, historia e patrimonio, o benestar que achegan os balnearios de Caldas de Reis e de Cuntis esténdese alén dos seus tratamentos

 

As augas do norte das Rías Baixas garanten unha saudable escapada termal. Caldas de Reis, na ribeira do río Umia, figura como parada obrigada para quen busca coidar o seu corpo e o seu espírito. O seu xardín centenario, o pulmón verde do municipio, é só un dos seus moitos atractivos. O Camiño de Santiago cruza esta localidade cuxa localización e riqueza termal propiciaron a creación dos históricos balnearios de Dávila e Acuña. O balneario de Dávila, construído a finais do XVIII, e o de Acuña, de comezos do século XIX, ofrécenlles aos seus visitantes un amplo abanico de tratamentos terapéuticos e de beleza.

Non perdas de ver ...

  • Os balnearios Acuña e Dávila
  • A fonte termal da Burga
  • As termas de Cuntis
  • O xacemento de Castrolandín

Son moitos os peregrinos e peregrinas que acoden para atopar repouso e afrontaren as últimas dúas etapas do Camiño Portugués cara a Compostela. Nesta fermosa vila é imprescindible visitar o conxunto histórico, pasear pola carballeira próxima ao río e admirar a fervenza de Segade.

Os peregrinos e peregrinas que percorren o Camiño Portugués atopan repouso nos históricos balnearios

Destacan ademais a centenaria fonte termal da Burga e dúas igrexas. A primeira é a única en Galicia dedicada a San Tomás Becket, que realizou aquí una das paradas na súa peregrinación cara a Santiago. Para a súa construción utilizáronse pedras da torre de dona Urraca en Caldas de Reis, onde naceu o rei Alfonso VII. A segunda, a igrexa románica de Santa María, inclúe nos seus muros inscricións sobre o Camiño.

 

CUNTIS. No val do río Galo atopamos o municipio de Cuntis rodeado de verdes montañas. É a contorna ideal para que as e os viaxeiros desconecten da rutina diaria. A auga mineromedicinal das Termas de Cuntis devolverá o benestar físico e mental a calquera visitante. Ofrece tratamentos comúns contra o estrés, de fisioterapia ou beleza, e outros máis especializados.

 

CULTURA DOS CASTROS

Nesta localidade das Rías Baixas poderás penetrar na cultura dos castros e visitar o de Castrolandín. Este xacemento arqueolóxico, de finais da idade de ferro, habitárono entre os séculos IV a. C. e I d. C., época na que foi abandonado coa chegada dos romanos.

Unha “carballeira” exótica e fermosa

A carballeira centenaria de Caldas de Reis, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) pola gran calidade e diversidade de especies arbóreas de todo o mundo, é unha das paraxes máis fermosas de toda a provincia de Pontevedra. A beiras do río Umia, que baña esta fermosa vila termal, as súas árbores autóctonas e exóticas, algunhas delas incluídas no Catálogo Galego de Árbores Singulares, conviven con fermosas camelias, flor insigne das Rías Baixas.