Birding: grandes enclaves das Rías Baixas
Sabes identificar unha garza, un pentumeiro ou un grupo de mergullóns? A provincia de Pontevedra dálle acubillo a centos de especies de aves e ofrece escenarios de gran beleza. Deseña a túa ruta de birding
A variedade de especies e a beleza das paisaxes nos que aniñan fan das Rías Baixas un enclave privilexiado para o avistamento de aves. Se che gusta a ornitoloxía toma boa nota porque existe un bo puñado de alternativas para gozar delas no seu hábitat natural.
Cíes acubilla a maior colonia de gaivota patiamarela do mundo e conta con abundantes poboacións de corvo mariño moñudo
Arrinca a túa ruta polo Complexo Intermareal Umia-O Grove, unha Zona de Especial Interese Comunitario que nos últimos anos se consolidou como referencia a nivel nacional para divisar aves acuáticas invernantes ao acoller ao redor de 18.000 exemplares.
para non perder ...
- Complexo Intermareal Umia-O Grove
- Esteiro do Miño
- Brañas de Xestoso
- Miradoiro do monte Faro nas Cíes
O Parque das Illas Atlánticas é outra zona sobresaliente para as e os amantes do birding, validada polos principais distintivos do sector do turismo ornitolóxico. Cíes acubilla a maior colonia de gaivota patiamarela do mundo e serve de refuxio a abundantes poboacións de corvos mariños cristados, mascatos, pombos torcaces e rulas.
Ao sur da provincia de Pontevedra hai que facer unha parada obligatoria no esteiro do Miño, que ofrece unhas condicións idóneas para as aves migratorias e limícolas coma os mazaricos, os biluricos, os pilros ou as avefrías. Con algo de sorte tamén poderás avistar garzas, mergullóns, pentumeiros e mesmo aves rapaces coma a gatafornela, o lagarteiro cincento ou a aguia pescadora.
Illas Atlánticas, un contorno único
O Parque das Illas Atlánticas é unha referencia internacional para a observación de aves. A súa combinación de marismas, praias e cantís perfectos para a cría converten as súas illas nun refuxio para ducias de especies únicas. A súa riqueza natural e a súa fauna avícola atraen cada ano miles de visitantes. No arquipélago hai máis dunha vintena de especies identificadas e rexistradas, 1.100 parellas de corvos mariños e máis de 15.000 de gaivota patiamariela, que predomina en Cíes e Sálvora.
As e os afeccionados á ornitoloxía coñecerán a fondo a provincia no seu traslado ata as Brañas de Xestoso, localizadas no contorno da serra do Candán, pois nas inmediacións da lagoa Sacra de Olives pódense ver multitude de especies protexidas. Escribentas amarelas e riscadas, lavercas, tordos charlos, trigueiróns ou especies migratorias procedentes de África danse cita neste espléndido lugar.
A listaxe de zonas húmidas e marismas para avistamento é moi ampla nas Rías Baixas e inclúe as Gándaras de Budiño (Porriño), as marismas de Alba na ribeira do Lérez (Pontevedra), o Centro de Interpretación do Monte Aloia (Tui), a zona húmida da Ramallosa ou Cotorredondo , que acolle un centro de recuperación de aves.