Bosques e fragas máxicas
Frondosos bosques con castiñeiros centenarios, lugares onde a terra se atopa coa auga e miradoiros naturais excepcionais brindan un espectáculo natural a quen os visita
Penetrar na natureza da provincia de Pontevedra é descubrir parques e bosques que comparten calma e aire fresco con quen os visita. Alcanzan o seu esplendor no outono, cando as follas adquiren tonalidades ocres e o solo se converte nun manto de terra húmida, follas caducas, castañas e cogomelos, pero permiten durante todo o ano desconectar da rutina e respirar aire puro.
Un dos bosques autóctonos máis recoñecidos é a Fraga de Catasós (Lalín), unha vasta extensión de carballos e castiñeiros de ata 30 metros, considerados os máis altos de Europa. Igrexas, muíños e cruceiros salpican este pulmón centenario.
Non deixes de ver ...
- Fraga de Catasós
- Parque Natural de Cotorredondo-Castiñeiras
- Carreiro azul de Ponte Caldelas
- Monte Aloia
Na península do Morrazo, o espazo natural de Cotorredondo-Castiñeiras é unha bela paraxe cun pequeno lago onde se abrazan a terra e a auga e no que conviven castiñeiros e outras especies.
Algúns dos castiñeiros centenarios da fraga de Catasós alcanzan os 30 metros e considéranse os máis altos de Europa
As vistas ás tres rías (Vigo, Pontevedra e Arousa) desde o próximo miradoiro de Cotorredondo son impresionantes. Nas Rías Baixas é posible o reencontro coa natureza sen afastarse da cidade
Ponte Caldelas alberga frondosos bosques de carballos, castiñeiros e bidueiros nas ribeiras do río Verdugo. Para mergullarse neles é ideal seguir o carreiro azul desde a praia fluvial da Calzada. Máis ao sur, nos arredores de Vigo, o Parque Forestal Monte Alba- Cepudo ofrece fermosas vistas á urbe.
Entre piñeiros e carballos transcorre o percorrido pola serra do Galiñeiro. Esta cadea montañosa, cun cume de 700 metros que se converte nun excelente miradoiro á ría de Vigo, esténdese deica o Parque Natural do Monte Aloia, en Tui. Nesta atalaia, que goza de extraordinarias vistas ao río Miño, existen diversas rutas entre sobreiras, acivros e carballos da carballeira da Ermida. A serra da Grova, máis ao sur, ofrece espléndidas paisaxes adornadas con interesantes gravados rupestres.
As raíces de Los pazos de Ulloa
A Fraga de Catasós foi propiedade da familia Quiroga de Catasós, que viviu no pazo de Quintela, tamén coñecido como Casa de Quiroga. No século XIX a ilustre escritora Emilia Pardo Bazán pasou grandes tempadas neste fermoso lugar onde os espectaculares castiñeiros centenarios parecen alcanzar o ceo. Este recuncho foi toda unha inspiración para a recoñecida autora. Desde o pazo escribiu varios capítulos do clásico literario Los pazos de Ulloa.