Lánzate á aventura
Se che gusta a aventura, Rías Baixas é o teu destino. A natureza, xenerosa con esta terra, creou múltiples escenarios para o turismo activo no litoral e na montaña. Prefires deportes náuticos, sendeirismo, BTT ou espeleoloxía? Elixe!
Os case 400 quilómetros de costa da provincia de Pontevedra e a súa perfecta combinación entre areais de augas mansas e outros en mar aberto sitúana como unha das grandes capitais do deporte náutico.
Esquí acuático, bodyboard, surf, windsurf, kitesurf, vela, mergullo e submarinismo son só algunhas das alternativas das que dispoñen todos os afeccionados e afeccionadas para gozar dun auténtico paraíso sobre e baixo as augas do Atlántico.
para non perder ...
- Praia de Patos
- Fondos mariños de Cíes
- Viaxes en globo desde Vigo e Tui
- Salto desde pontes en Arbo
En terra firme Rías Baixas é un destino multiaventura. A súa orografía, as súas fervenzas e serras e os seus sinuosos ríos, sumados a un clima suave, fan da provincia de Pontevedra a alternativa perfecta para quen busca gozar de emocións intensas aproveitando as opcións que xeran os propios recursos naturais.
Os ríos prometen un verdadeiro exercicio de técnica e forza con actividades de barranquismo, piragüismo, caiac ou balsismo
Entre as actividades destacan o montañismo, as rutas dacabalo, a escalada, o rápel, o salto desde pontes en Arbo ou Pontevedra ou o barranquismo no canón do río Verdugo en Ponte Caldelas.
Desde o alto
Voar é un soño recorrente e hai firmas en Rías Baixas que xa o fan posible. Se queres vivir unha gran experiencia goza dun voo biplaza acompañado dunha ou dun monitor profesional e suca os ceos da ría de Vigo nunha experiencia inesquecible en parapente. Realízanse saídas desde Lapamán (Marín), Santa María de Oia (Vigo) ou o monte Xaxán (na península do Morrazo) con vistas a San Simón, Cerdedo ou Baiona. Os deportes aéreos viven un momento doce na provincia de Pontevedra e xa se ofrecen voos en ultralixeiros e mesmo a opción de pilotar un helicóptero.
Elixe a túa especialidade e seguro que atopas o que buscas en Pontevedra, con rutas propicias para a BTT. Hai tamén cinco campos de golf para exercitarse rodeados pola natureza. Quen queira liberar adrenalina debe dirixirse cara ao interior. Os ríos prometen un verdadeiro exercicio de técnica e forza con actividades de piragüismo, caia no Umia ou o Lérez ou balsismo nas proximidades das fervenzas.
Entre as actividades que medran en popularidade está o tiro con arco e o paintball, pero prato forte pola súa espectacularidade constitúeno as actividades aéreas: parascending en Sanxenxo, parapente en Santa María de Oia, paseos en avioneta con saída de Peinador ou viaxes en globo aerostático desde Vigo e Tui.
Goza da multiaventura en Rías Baixas coas seguintes firmas.