Casco histórico de Pontevedra

Pontevedra: arte en pedra

O centro histórico de Pontevedra é un exemplo de accesibilidade e testemuña indeleble do esplendor medieval da cidade. Soportais, prazas e templos poboan un percorrido entre a historia e a modernidade

Pontevedra é unha cidade perfecta para perderse a pé. A súa zona antiga foi declarada Conxunto Histórico-Artístico en 1951 e aínda conserva vestixios da etapa de puxanza económica do antigo porto e dos séculos de esplendor da arquitectura fidalga e rexional. O mellor punto de partida para coñecer a Boa Vila é a súa Alameda, situada aos pés das ruínas do convento de San Domingos, que forman parte do Museo Provincial e funcionan como porta de entrada a un inesquecible paseo a través dos séculos.

para non perder ...

  • Santuario de A Peregrina
  • As Ruínas de San Domingo
  • A Praza da Leña
  • O Museo de Pontevedra

O orgullo da Boa Vila

Santa María A Maior é o orgullo da cidade de Pontevedra, ademais do símbolo de poder do Gremio de Mareantes, que financiou a súa construción no século XVI. Trátase dun dos mellores exemplos do gótico de Galicia e foi declarada BIC no ano 1931. Cornelius de Holanda e Joâo Nobre son os artífices da súa espectacular fachada, onde se unen o plateresco e o estilo manuelino portugués. Foi consagrada como basílica en xaneiro de 1962 por Juan XXIII.

 

As incontables prazas de Pontevedra débenlle o seu nome aos gremios que as ocupaban ou as actividades que acollían, como sucede coa praza da Leña ou coa da Ferrería, onde outrora se traballaba a forxa. Os soportais, que antigamente permitían atravesar todo intramuros sen mollarse, albergan hoxe unha variada oferta hostaleira que mergulla a ou o visitante en edificios agora rehabilitados. No medio desta madeixa de rúas aparece o Museo de Pontevedra, un gran referente cultural composto por cinco edificios e as ruínas de San Domingos.

Parada na ruta de peregrinación a Compostela, as frechas amarelas do Camiño guían os pasos das e dos camiñantes deica a igrexa da Peregrina (1778), xoia do barroco; a de San Bartolomeu e a de San Francisco, así como o convento de Santa Clara.

Algunhas das prazas máis fermosas débenlles o seu nome aos gremios que as ocupaban ou as actividades que a acollían

A arquitectura civil intégrase no percorrido co impoñente edificio da antiga delegación de Facenda, Monumento Histórico-Artístico desde 1896, o pazo de Mugartegui, o Teatro Principal ou a Casa do Concello.

O centro de Pontevedra, galardoado a nivel internacional pola súa accesibilidade, é o escenario perfecto para unha ruta peonil onde a historia se ve salpicada por unha variada oferta comercial e gastronómica, en prazas como a de Méndez Núñez ou a da Verdura, a Rúa Real ou o contorno do teatro. A sobremesa é un bo momento para achegarse a coñecer o loro Ravachol, aos pés da Peregrina.

 
  •  
    Balcón con flores do casco histórico
  •  
    Ruinas de Santo Domingo
  •  
    Praza da Leña
  •  
    Soportais
  •  
    Museo de Pontevedra