Rías Baixas Somos Historias
Buscador

Rías Baixas: líder nacional en distintivos SICTED

O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo, co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que traballa con empresas/servizos turísticos de todo tipo, co obxectivo último de mellorar a experiencia e satisfacción das e dos turistas, e que Turismo Rías Baixas leva implantado na provincia de Pontevedra desde o ano 2005.

Turismo Rías Baixas-Deputación de Pontevedra foi pioneira a nivel nacional ao implantar o Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) no ámbito provincial. Nestes momentos en España traballan no proxecto de implantación do SICTED 190 destinos turísticos, cun total de 5.117 empresas distinguidas e 3.877 adheridas. A provincia de Pontevedra é o destino nacional con máis entidades distinguidas: 263, sesenta máis que no 2017.

As empresas co selo suman xa 263, sesenta máis que o ano pasado: as persoas representantes recibírono na Gala de Turismo

O distintivo recoñece o esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua, á vez que distingue a empresa fronte á competencia. O SICTED promove un nivel de calidade homoxéneo no destino.

Entre os beneficios deste sistema para os destinos están os seguintes:

     - Establecer unha estrutura de xestión permanente que vele polo incremento da competitividade das empresas turísticas do destino.

     - Ofrecer un nivel de calidade homoxéneo en todos os servizos turísticos. Incrementar a satisfacción dos e das turistas e fomentar a súa fidelización.

As e os galardoados recibiron os distintivos na Gala de Turismo celebrada o 28 de febreiro en Vigo. Aquí tedes a lista de empresas por concellos, e mostrámosvos as imaxes da entrega, cos e coas representantes de cada entidade xunto á presidenta da Deputación, Carmela Silva; os alcaldes e alcaldesas dos respectivos municipios; e o deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez:

  1. Foto de familia da Gala de Turismo
  2. Comarca de Pontevedra: Pontevedra, Poio e Vilaboa
  3. Comarca do Morrazo e Vigo: Vigo, O Porriño, Redondela, Nigrán, Bueu, Cangas e Moaña
  4. Comarca Deza, Tabeirós e Terra de Montes: Lalín, Silleda, A Estrada e Forcarei
  5. Comarcas Condado, Paradanta e Baixo Miño: As Neves, Salvaterra do Miño, Arbo, A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui
  6. Comarca de Caldas e O Salnés: Cambados, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, O Grove, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Cuntis, Caldas de Reis e Moraña
O SICTED na Gala 2018