Rías Baixas Somos Historias
Buscador

Templos da arte e o patrimonio

A provincia de Pontevedra é rica en espazos que conservan a nosa historia e mostran a inspiración artística máis vangardista. Os seguintes espazos son unha mostra dos interesantes museos e centros de interpretación deste destino, recintos que gardan prezados tesouros patrimoniais e etnográficos.

Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra, con 90 anos de historia, é o froito do tesón da antiga Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e o seu afán por conservar obras de arte, documentos e antigas pezas entre outros valiosos materiais. As súas coleccións, dunha gran riqueza histórica e un incalculable valor patrimonial, divídense en Prehistoria e Antigüidade, Numismática, Idade Media, etapa do Renacemento ao Neoclasicismo, Século XIX, Século XX, Artes Decorativas, Fondos Etnográficos e Salas Navais.

Na actualidade forman parte do complexo os edificios de Castro Monteagudo, o pazo García Flórez, do século XVIII, o Edificio Fernández López, o Edificio Sarmiento, cuxa primeira construción data de 1685 e a súa finalización en 1714, as Ruínas de San Domingos e o Sexto Edificio. As obras do Sexto Edificio comezaron no ano 2004 e supoñen unha ampliación en dez mil metros cadrados, repartidos principalmente en 23 salas de exposición permanente. As mostras percorren a evolución da arte galega desde o gótico ata a actualidade.

Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra

Museo Municipal Quiñones de León

O Museo Municipal Quiñones de León, no pazo de Castrelos (Vigo), alberga máis de 1.500 pezas de distintas disciplinas artísticas e de arqueoloxía. O fermoso edificio, doado á cidade polo marqués de Valladares en 1924, conta ademais con fermosos xardíns que pode percorrer quen visite o recinto.

A interesante colección municipal de arte galega exponse agora na Pinacoteca Francisco Fernández del Riego, situada no barrio alto da Zona vella viguesa.

Museo Municipal Quiñones de León
Museo Municipal Quiñones de León

MARCO

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) abriu as súas portas no 2002 en plena rúa do Príncipe, e desde aquela acolleu numerosas mostras de artistas locais e internacionais de gran prestixio, entre outras actividades, chegando a converterse nun referente entre os centros expositivos máis vangardistas.

MARCO
MARCO

Museo do Mar de Galicia

En Vigo atopamos tamén o Museo do Mar de Galicia, dedicado á historia da actividade pesqueira e a industria conserveira ata os nosos días, así como ao mar desde diversas perspectivas e aos seus ecosistemas. Destaca a súa localización, emprazado nun lugar envexable xunto ao mar, en Alcabre, e a un faro que xa forma parte da súa identidade visual. O mesmo museo conta co seu propio acuario nun edificio externo e complétase cos restos arqueolóxicos dun castro.

Museo del Mar de Galicia
Museo del Mar de Galicia

Museo Etnográfico Liste

O Museo Liste, en Vigo, xorde como un espazo para a exposición e conservación da colección de Olimpio Liste Regueiro. O legado etnográfico e cultural corresponde ao patrimonio galego material e espiritual no que se aprecian obxectos ligados ao día a día dos diferentes oficios en Galicia.

O edificio, de mediados do século XX, ábrese ademais como un lugar de converxencia para outras actividades didácticas, exposicións temporais ou mesmo audicións musicais.

Museo Etnográfico Liste
Museo Etnográfico Liste

MASAT

Os espazos arqueolóxicos teñen o seu referente no Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT), na Guarda. Un fito dentro da comunidade galega xa que en 2017 cumpriu o seu centenario, sendo o primeiro museo arqueolóxico de Galicia e, ademais, un dos máis antigos na Comunidade.

Xunto co valor cultural a súa localización estratéxica na cima do monte Trega, preto do castro máis importante do noroeste peninsular e con impoñentes vistas cara ao Océano Atlántico e o estuario do río Miño, é outro dos seus grandes atractivos.

MASAT
MASAT

Museo Galego da Marioneta

En 1998 realizouse unha exposición con motivo do 15º aniversario da primeira actuación de monicreques da compañía "Viravolta". A mostra, realizada no Museo Municipal de Lalín, daría lugar tres anos despois, no ano 2001, ao que hoxe é a Casa da Marioneta no pazo Liñares do mesmo municipio. Hoxe eríxese como un centro documental desta arte, onde se poden apreciar máis de 300 pezas do mundo dos monicreques.

Museo Galego da Marioneta
Museo Galego da Marioneta

Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea

Dentro dos Centros de Interpretación sobresae o do Viño e a Lamprea de Arbo (Museo Arabo). O recinto, situado en Arbo, busca divulgar o vínculo existente entre as e os cidadáns da localidade cos produtos da terra, especificamente co viño e outro produto autóctono dos seus ríos, a ancestral lamprea.

Ao longo da exposición faise un percorrido sobre a historia da comarca desde tempos anteriores á época romana. Alí móstranse os inicios da pesca da lamprea e a creación dos primeiros viñedos ata a actualidade. Hoxe o viño Condado do Tea forma parte da Denominación de Orixe Rías Baixas, e a lamprea, que se pesca entre Crecente e Salvaterra do Miño, é un prezado manxar ao que se lle rende tributo en Arbo cunha festa declarada de Interese Turístico Nacional.

Centro de Interpretación del Vino y la Lamprea
Centro de Interpretación del Vino y la Lamprea

 

Museo etnográfico e do viño de Cambados

O Museo do Viño de Cambados, situado na antiga casa reitoral Casa de Ricoi, do século XVI, foi o primeiro de Galicia dedicado á enoloxía. O centro explica de maneira amena a elaboración do viño, así como a historia, vínculos coa cultura popular e a arte. Ademais, no mesmo museo pódense realizar outras actividades didácticas para grupos, catas de iniciación e perfeccionamento ou concertar visitas guiadas pola Ruta do Viño.

Museo etnográfico e do viño
Museo etnográfico e do viño

Centro de Interpretación  de Campo Lameiro

Os petróglifos de Campo Lameiro compoñen unha das maiores concentracións de arte rupestre ao aire libre de Europa. No mesmo recinto atópase o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre, que ofrece unha vasta información sobre o xacemento, a vida dos nosos antepasados e as investigacións arqueolóxicas para desenterrar as súas pegadas. Un centro acorde coa historia da arte rupestre local e pensado para o turismo, con información exposta de maneira didáctica, visual e sinxela.

Centro de Interpretación  de Campo Lameiro
Centro de Interpretación  de Campo Lameiro