Descubre Pontevedra desde las alturas
Buscador

O Facho (Cangas)

Este miradoiro e o monte que o acubilla débenlle o seu nome á garita de vixilancia que se alza no seu cume, unha pequena construción circular do século XVII de muros e bóveda de pedra. A unha altura de 184 metros, esta atalaia mostra unha magnífica panorámica, especialmente fermosa á tardiña, tanto das illas Cíes e os seus cantís coma da Illa de Ons. Ademais, alberga as ruínas dun antigo castro e dun santuario prerromano.

Toda a paisaxe que se divisa desde este significativo enclave de Cabo Home está catalogado como espazo protexido no marco da Rede Natura 2000. Mesmo se baralla a posibilidade, pola riqueza paisaxística e monumental deste, que sexa incluído dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Monte O Facho
Monte O Facho

Lugar de adoración aos deuses

Desde o século X ao VII a. C. foi lugar de asentamento dun poboado do que se conserva pouca información, salvo o seu excepcional tamaño. É ao final desta época cando xorde un castro fortificado do que aínda se conservan parte do recinto amurallado, o foso e restos de case cincuenta vivendas circulares.

Entre os séculos II e IV d. C. este poboado foi substituído por un santuario en honra do deus Berobreo, ao que os peregrinos pedían saúde. Este santuario, tamén coñecido como Bero Breus, é o máis antigo do que se ten coñecemento en Galicia. A súa existencia coñécese hoxe en día grazas a algunhas inscricións conservadas en latín, que se atopan na actualidade no museo vigués de Quiñones de León.