Descubre Pontevedra desde las alturas
Buscador

Santa Trega (A Guarda)

Se o que buscamos é unha localización espectacular para ver nun ángulo de 360 graos a fronteira natural entre Galicia e Portugal, a elección máis adecuada será o  miradoiro de Santa Trega, na Guarda. A súa altitude de 341 metros permítenos observar a confluencia das augas do río Miño co océano Atlántico mentres gozamos dunha contorna de alto interese patrimonial e dunha das postas de sol máis fermosas de Galicia.

Trátase dun enclave estratéxico pola súa localización privilexiada, entre os dous países, que foi testemuña de constantes asentamentos ao longo da historia, anteriores mesmo ao máis coñecido, o castro de Santa Trega, tal como testemuñan as mostras de petróglifos de máis de 2.000 anos de antigüidade localizadas na contorna e as pezas albergadas no Museo Arqueológico.

Mirador de Santa Trega
Mirador de Santa Tegra

Santa Trega conta cun poboado castrexo-romano no que se localizaron máis de 42.500 pezas de incalculable valor

A súa principal riqueza é o seu poboado castrexo-romano datado entre os séculos IV a. C. e I d. C., un dos maiores castros atopados en terras galegas. As súas cabanas, con plantas circulares, ovaladas ou mesmo cadradas, e a súa muralla, con finalidade máis delimitadora que defensiva, caracterizan un espazo marcado polos numerosos vestixios conservados.

Así, destacan unha gran cantidade de restos de cerámica, tanto de orixe indíxena coma campaniforme ou romana, obxectos de vidro da época romana, mostras de xoiería en bronce e ourivaría. Este patrimonio material viuse enriquecido pola nova escavación realizada entre 2015 e 2016 pola Deputación de Pontevedra, que permitiu a localización de ánforas e lucernas romanas e outros obxectos, en total máis de 42.500 pezas de incalculable valor histórico.

Romería de Santa Trega

Poxa de ofrendas na súa romaría

Ademais, no lugar atópase unha ermida de gran interese patrimonial que data do século XII, a igrexa de Santa Trega. A Virxe de Santa Trega é a patroa da Guarda e a súa romería, tamén coñecida como Festa do Monte, celebrada durante a segunda semana do mes de agosto, conta cunha gran tradición na comarca, con numerosos fregueses que participan nas tradicionais poxas de produtos ofrecidos á patroa e que se reúnen coas súas familias para comer ao aire libre nas inmediacións.