Regala Rías Baixas

O destino Rías Baixas reúne unha infinidade de atractivos para vivir experiencias inesquecibles: bo comer e bo beber, natureza, termalismo, enoturismo, tradición, diversión e toda unha gama de sensacións para os cinco sentidos que garanten momentos marabillosos e únicos.
Este Nadal propoñémosche unha serie de ideas para que os teus agasallos sexan únicos, orixinais e deixen a pegada da provincia de Pontevedra no corazón das súas destinatarias e destinatarios. A oferta é moi ampla e, ademais, podes gozar de descontos e paquetes especiais con motivo das festas.
Gastronomía
As experiencias de alta gastronomía dirixidas por prestixiosas e prestixiosos chefs están deseñadas para crear momentos de felicidade ao redor da mesa. A maioría dos nosos restaurantes con Estrela Michelin e do Grupo Nove ofrecen bonos ou menús degustación que poden adquirirse a través das súas páxinas web e converterse no agasallo perfecto.
Os sabores da tradición culinaria das Rías Baixas toman corpo nos artigos con denominación de orixe e indicación xeográfica. Temos máis dunha vintena de produtos baixo marcas de calidade, desde hortalizas e conservas mariñas ata doces e licores. A estes súmanse especialidades artesás e gourmet que apostan pola excelente materia prima da zona. Todos eles poden adquirirse no comercio local, en tendas especializadas e en grandes superficies comerciais. Tamén é posible adquirir cestas especiais de Nadal que reúnen unha selección dos mellores produtos Rías Baixas.
As e os chefs da provincia de Pontevedra coidan con mimo estes produtos que nos regalan a terra e o mar. Unha experiencia ideal, que seguro lle encantará á túa parella, familia ou amizades, é degustalos nos restaurantes que poñen en valor os alimentos locais e de tempada, tanto no interior como na costa deste fantástico destino turístico.
Enoturismo
A cultura do viño, maridada á perfección cos produtos de alta calidade da gastronomía das Rías Baixas, merece un capítulo propio na provincia de Pontevedra. Unha visita ás adegas e establecementos asociados á Ruta do Viño é unha experiencia única que combina o gusto polo albariño, o ouro líquido de Galicia presente nas mellores mesas de todo o mundo, con paisaxes impresionantes e a tradición vitivinícola máis auténtica.
Consulta aquí as promocións sobre enoturismo


Rutas e excursións

Outras rutas que das podes gozar na provincia de Pontevedra son unha aposta segura á hora de sorprender os teus seres queridas estas festas. As camelias están en época de floración e é o momento perfecto para percorrer o itinerario polos pazos e xardíns nos que resplandece esta flor vinda de Xapón que atopou o seu paraíso nas Rías Baixas. O castelo de Soutomaior, os pazos de Lourizán, Rubianes, Oca, A Saleta, Quinteiro da Cruz, Quiñones de León ou Gandarón son paradas da Ruta da Camelia , na que poderás admirar a beleza desta flor e a arquitectura palaciana típica galega.
Na Estrada a tradición sidreira vive unha época dourada, e visitar un dos lagares da vila é unha estupenda idea para compartir este Nadal. A Ruta da Sidra levaravos por adegas e plantacións onde gozar deste xenuíno e excelente produto artesanal, ademais de coñecer como se elabora con variedades de mazás propias da comarca de Tabeirós-Terra de Montes.
Por terra e por mar as Rías Baixas ofrecen posibilidades ilimitadas para realizar excursións e vivir experiencias únicas. Empresas especializadas da provincia organizan itinerarios e actividades especiais que vos mergullarán de cheo na paisaxe, o patrimonio, a cultura e a esencia deste destino.
Turismo rural e termalismo

Se optades por regalar escapadas, os aloxamentos de turismo rural da provincia de Pontevedra permitiranvos pasar un Nadal en paisaxes de película . As casas rurais, especialmente en Noitevella, son unha elección cada vez máis común para reunións de grupo, polo que son habituais as promocións especiais. Que mellor regalo que empezar o ano dunha forma diferente?
Nas Rías Baixas tamén atoparás numerosos balnearios, centros de talasoterapia e spas que permiten regalar experiencias de relax e benestar. Os establecementos de termalismo ofrecen masaxes, tratamentos de beleza e circuítos que se venden en bonos e paquetes para gozar en parella ou en familia. Sen dúbida, unha proposta ideal para as persoas que buscan tranquilidade.
Aventura e festivais

O destino Rías Baixas vai unido tamén á diversión e a aventura. A oferta de iniciativas é ampla e nestas festas materialízase en tarxetas regalo que convidan a realizar, por exemplo, actividades acuáticas, parapente ou escalada.
Tamén lucirán espléndidas baixo a árbore de Nadal as entradas para calquera dos festivais #RíasBaixasFests que animarán os pobos e cidades da costa pontevedresa o próximo verán. Algúns deles xa promoven a compra anticipada de entradas con descontos especiais.
Son moitos os produtos e experiencias que teñen a capacidade de trasladarnos ao destino Rías Baixas a través dos cinco sentidos. Aquí mencionamos algúns que esperamos que vos sirvan de inspiración. #AgasallaRíasBaixas, sen dúbida estarás a regalar o mellor.