Rías Baixas Somos Historias
Buscador

"Somos historias"

A historia da provincia de Pontevedra escríbese sobre natureza e pedra, lenzo no que, ao longo dos séculos, se edificaron castros, mosteiros, torres, castelos, pazos e catedrais. Un rico tesouro patrimonial e cultural adornado con formidables xardíns.

Desta historia dan fe tradicións, mitos e obras literarias, pois As Rías Baixas foron fonte de inspiración para escritores do talle de Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán ou Xulio Verne. Os grandes acontecementos e a riqueza cultural da provincia son celebrados en festas de alcance internacional, e magníficos museos gardan un valioso legado destes bens materiais e inmateriais.

Somos historias
Somos historias

No Ano Europeo do Patrimonio Cultural, baixo o lema "Somos historias", a Deputación de Pontevedra aposta na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) por promover ante o mundo toda esta riqueza. Un acervo que converte a provincia nun destino de primeira orde para aquelas persoas que atopan na cultura o motivo principal dos seus desprazamentos para pasar o tempo de lecer.

María Vinyals como fío condutor

E como o contamos? A través da figura de María Vinyals, muller nada no castelo de Soutomaior en 1875, precursora na loita pola igualdade, cun forte compromiso social e, ao mesmo tempo, namorada da súa terra. Dela son estas liñas:

"(…) porque no hay país en el mundo que encierre mayor grado de poesía y de belleza que Galicia. 
Al regresar de un viaje, al pisar las primeras estribaciones de nuestras montañas, se exalta nuevamente nuestro cariño, porque después de haber vivido en otros climas y haber admirado otros paisajes comprendemos que nada existe en el mundo comparable a la provincia de Pontevedra, jardín de España, vergel de Galicia".

A Deputación de Pontevedra presenta, con esta personaxe histórica como fío condutor, unha oferta desestacionalizadora e de interese no mercado internacional a través de oito tipos de patrimonio: fortificado, arqueolóxico, paisaxístico, relixioso e espiritual, literario, etnográfico e cultural, inmaterial e natural. A campaña abre espazos de colaboración cos 61 municipios e promóveos baixo a marca Rías Baixas.

Un evocador relato audiovisual móstranos os atractivos da provincia a través de María Vinyals. Inspirada polo descubrimento da obra e imaxes da escritora e activista no Museo de Pontevedra, e imbuída do seu espírito libre, unha turista percorre As Rías Baixas e queda marabillada coas súas paisaxes, castelos, pazos… coa súa historia.

Porque #Somoshistorias