Rías Baixas Somos Historias
Buscador

Oito miradas ao patrimonio

A provincia atesoura unha enorme riqueza reflectida en xacementos, castelos, xardíns e outras magníficas obras creadas ao longo dos séculos. Este legado eríxese sobre unha espectacular paisaxe, con fermosos espazos naturais de relevancia internacional, e a súa pegada histórica está recollida en tradicións, lendas, obras literarias e festas conmemorativas.

Existen moitas miradas ao patrimonio, e Turismo Rías Baixas promoveraas este ano desde oito perspectivas para relatar a historia desta terra máxica e extraordinaria. A nosa herdanza está plasmada en monumentos, paraxes, expresións da creatividade humana e obras e coleccións conservadas por entidades públicas e privadas coma museos, bibliotecas e arquivos. Estes son os eixes da campaña "Somos historias":

Fortificacións. Torres e fortalezas salpican o territorio da provincia de Pontevedra. O maxestoso castelo de Soutomaior foi testemuña de grandes episodios da historia de Galicia desde a súa construción no século XII. Este ano será musealizado, o que o converterá nun gran polo de atracción para quen se despraza por motivos culturais. Igualmente, o castelo de Sobroso reflicte o esplendor do noso pasado.

As Torres de Oeste en Catoira presenciaron os desembarcos viquingos para asaltar Compostela, e temos exemplos similares destas construcións de vixilancia na Lanzada (Sanxenxo) e na Torre de San Sadurniño (Cambados). As espléndidas fortalezas da provincia, coma as de Salvaterra de Miño, Goián (Tomiño) ou Baiona, conxugan tamén historia e monumentalidade.

FortificacionesCastelo de Soutomaior
FortificacionesTorres de Oeste (Catoira)

Arqueoloxía. A historia dos nosos antepasados está escrita nos xacementos arqueolóxicos, que nos últimos anos foron sometidos a importantes obras de restauración e conservación. Os castros son un elemento central da identidade da provincia e albergan un alto potencial turístico. Santa Trega (A Guarda), que reina sobre a desembocadura do río Miño e o océano Atlántico, foi o máis importante do noroeste peninsular. O Facho (Cangas) aséntase nunha contorna privilexiada, con extraordinarias vistas ás illas Cíes e ás tres rías. E tamén é magnífica a localización do castro da Lanzada, xunto á preciosa ermida. Alobre (Vilagarcía de Arousa), Castrolandín (Cuntis) ou Monte do Castro (Ribadumia) son outros exemplos de patrimonio con gran relevancia neste destino.

ArqueologíaO Facho (Cangas)
ArqueologíaSanta Trega (A Guarda)

Paisaxe. Que dicir dos xardíns das Rías Baixas? Por toda a provincia atopamos magníficos recintos botánicos coma o xardín francés e o inglés do pazo-museo Quiñones de León (Vigo), que datan do século XIX, ou o do castelo de Soutomaior, paraíso da camelia e primeiro conxunto de España en ser declarado Xardín de Excelencia Internacional. O parque botánico de Caldas de Reis, á beira do río Umia, o recinto do pazo de Rubianes (Vilagarcía de Arousa) e o pazo de Oca (A Estrada), cuxos xardíns reciben o sobrenome de Versalles galego, sobresaen tamén entre a nosa riqueza botánica.

PaisajeQuiñones de León (Vigo)
PaisajePazo de Rubianes (Vilagarcía de Arousa)

Literatura. A provincia viu nacer unha longa lista de grandes escritores e foi fonte de inspiración doutros, marabillados pola beleza e lendas deste territorio. Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, María Vinyals ou Xulio Verne, que incluíu na súa obra Vinte mil leguas de viaxe submarina unha visita do Nautilus á baía de Vigo para descubrir os tesouros de Rande, atoparon nas Rías Baixas un escenario ideal para crear grandes obras. E hai moitos máis. 

LiteraturaRía de Vigo
LiteraturaValle-Inclán (Pontevedra)

Relixión e espiritualidade. Os mosteiros da costa e interior das Rías Baixas gardan tras os seus muros parte da historia de Galicia e convertéronse en monumentos cun gran potencial turístico. Carboeiro (Silleda), San Xoán de Poio, A Armenteira (Meis) ou Aciveiro (Forcarei) conservan a monumentalidade e reflicten o esplendor doutros tempos, e en Oia atopamos o cenobio de Santa María, excepcional ao acharse á beira do mar.

Os cemiterios singulares da provincia tamén representan unha excelente mostra de patrimonio. Os de Pereiró (Vigo), Santa Mariña Dozo (Cambados), San Mauro (Pontevedra), o cemiterio inglés (Vilagarcía de Arousa), Os Eidos (Redondela) e Furcos (Cuntis) destacan por distintos atractivos coma beleza estética, historia, monumentalidade, esculturas e outras características que os fan únicos.

Religión y espiritualidadCarboeiro (Silleda)
Religión y espiritualidadSanta Mariña Dozo (Cambados)

Patrimonio inmaterial. A provincia de Pontevedra é terra de mitos, lendas e tradicións, moitos deles conmemorados en festas de interese turístico. É o caso da Romaría Viquinga de Catoira, o Entroido dos Xenerais da Ulla (Vila de Cruces, A Estrada e Silleda), as danzas tradicionais da comarca do Morrazo, a Rapa das Bestas, a Arribada de Baiona, as alfombras florais de Ponteareas, a Reconquista de Vigo ou a Feira Franca de Pontevedra. O centro Castrodeza (Lalín) constitúe un espazo de referencia para coñecer os costumes dos nosos antepasados, lendas e outros elementos do noso patrimonio inmaterial. 

Patrimonio inmaterialRomería Vikinga de Catoira
Patrimonio inmaterialArribada de Baiona

Natureza. Os espazos que conxugan unha enorme biodiversidade coa beleza paisaxística son grandes activos turísticos das Rías Baixas e protagonizan un dos eixes da campaña, representado a través de especies singulares e aves que atopamos na desembocadura do río Miño (A Guarda, O Rosal e Tomiño), as illas Cíes (Vigo), o complexo intermareal do Umia (O Grove, Sanxenxo, Meaño e Cambados), a serra do Candán (Forcarei) e o Parque da Natureza do Río Barosa (Barro). 

NaturalezaIllas Cíes (Vigo)
NaturalezaParque da Natureza do Río Barosa (Barro)

Etnografía e cultura. Os museos gardan e conservan un rico patrimonio con excelentes coleccións en distintos ámbitos: arqueoloxía, pintura, escultura, fotografía, artes decorativas… A relación de disciplinas que abarca este prezado legado sería case interminable.

Etnografía y culturaMuseo de Pontevedra
Etnografía y culturaCentro de Interpretación do Viño e da Lamprea de Arbo

O Museo de Pontevedra converteuse nun centro de referencia que transcende a provincia; en Vigo atopamos tamén unha ampla lista de importantes espazos expositivos. A cultura vitivinícola e a gastronomía representan un gran valor patrimonial das Rías Baixas, tamén con presenza nos museos. Podemos coñecelas a fondo en recintos coma o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea de Arbo (Arabo) ou o Museo Etnográfico do Viño en Cambados. Hai ademais outras excelentes mostras de centros de investigación, interpretación e exposición na provincia que serán tamén promovidos dentro da campaña ao longo de 2018.