Fiestas en Rías Baixas

Praias das Rías Baixas

Natureza e augas cristalinas

Un clima tépedo e un verán que se alonga ata principios de outubro axudan a que sexa un destino ao que quererás volver, buscando as praias que che quedaron pendentes. As tres rías da provincia de Pontevedra converten a súa costa nun espello de norte a sur, con praias veciñas desde as que se divisan bateas, aldeas ou vilas mariñeiras.

Bañarse no Atlántico, comprobar como o grosor da area ou o tipo de vexetación dunar varía segundo as rías, elixir entre contorno urbano con servizos ou outro paradisíaco e case virxe, gozar dun marco de natureza e paisaxe incomparables de augas cristalinas, descubrir as bondades do clima suave das Rías Baixas distinto do tópico de "chuvia en Galicia", gozar da praia para moito máis que sol e baño… poderías enumerar tantos motivos como praias visites cando veñas ás Rías Baixas.

Mapa coas praias de bandeira azul

Consulta aquí a localización e características das praias da provincia de Pontevedra con bandeira azul.

 

 

RÍA DE AROUSA

Na ría de Arousa a costa sur mira a provincia veciña da Coruña, xa que a vertente norte desta ría forma parte desta provincia. Praias coma a de Bamio ou a do Preguntoiro, cos servizos que garante a cidade de Vilagarcía de Arousa, ou areais arborados na poboación próxima de Vilanova de Arousa.

  •  
    Area da Secada (A Illa de Arousa)
  •  
    Area da Secada (A Illa de Arousa)
  •  
    O Campanario (Vilagarcía de Arousa)
  •  
    O Bao (A Illa de Arousa)
  •  
    Reboredo (O Grove)

Esta ría conta cunha illa cuxa costa é espazo protexido Rede Natura, A Illa de Arousa. Unha viaxe a ela non é unha viaxe completa sen unha visita ao Bao e á praia de Area da Secada, na que poderás pasear e ver as dunas, parando nos seus característicos piñeirais. Se gustas de practicar caiac ou piragüismo, as empresas de turismo activo da illa permitiranche engadir ao día de praia algo de deporte e achegarte ao illote de Areoso, unha paisaxe virxe de vexetación dunar e area branca.

Máis ao sur, antes de entrar na ría de Pontevedra, atópase a península do Salnés, un dos destinos estrela das Rías Baixas. Paseos marítimos, lendas e ermidas mestúranse nos municipios do Grove e Sanxenxo. Contornos rurais coma Area das Pipas ou Area Grande; semiurbanos e con grandes espazos de zonas dunares coma Area da Cruz e Raeiros, ou coas bateas da ría como paisaxe principal en Meixilloeira, son algunhas das opcións que ofrece O Grove.

SANXENXO-POIO

A Lanzada, unha praia de máis de dous quilómetros na que coñecerás o ritual das nove ondas na noite de San Xoán, rito ao que se atribúen beneficios para a fertilidade, a capela románica da Nosa Señora da Lanzada e as ondas que atraen practicantes de surf locais e de fóra. Doutra banda, a praia de Canelas, cerca de Portonovo (Sanxenxo) e no contorno de punta Cabicastro, un fermoso miradoiro natural que ofrece unha fantástica panorámica da ría de Pontevedra.

Sanxenxo é o municipio galardoado con máis bandeiras azuis (17) das Rías Baixas, seguido de Vigo (12), Cangas e Baiona (ambas con seis). Esta é só unha das razóns polas que continúa a ser un referente estatal , xunto con Cartaxena, de destino turístico consolidado de sol e praia. Fronteiriza coa Lanzada, O Espiñeiro é unha pequena praia de 300 metros, de carácter urbano.

  •  
    A Lanzada
  •  
    Montalvo
  •  
    Canelas

Outras urbanas e semiurbanas son Caneliñas e Baltar, na vila pesqueira de Portonovo; A Lapa, Areas, Areas Gordas, Canelas e Panadeira, ademais da emblemática Silgar, urbana por excelencia, pegada ao paseo marítimo de Sanxenxo e lugar de encontro de turistas que repiten destino cada verán.

Entre as praias da contorna rural, Sanxenxo ofrece a posibilidade de visitar as de Paxariñas ou Montalvo, con paisaxe de cantís e dunar respectivamente, cuxo público se nutre maioritariamente do cámping situado entre elas. Outras praias dunares son Maxor e Pragueira, próximas a Foxos, paraíso de surfistas. O que fai a outra praia, Bascuas, diferente ao resto é o seu carácter de praia nudista. De aspecto salvaxe, rochoso e rodeada dun suave cantil cunha baixada ao areal, é unha das máis concorridas do municipio. Bascuas e Foxos locen tamén o distintivo azul.

Cara ao interior da ría de Pontevedra o municipio de Poio conta entre os seus areais cunha bandeira azul, a praia semiurbana de Cabeceira.

O MORRAZO

As paisaxes, a gastronomía e as tradicións locais son os grandes atractivos de Marín, Bueu, Cangas e Moaña, todos eles concellos da península do Morrazo.

As praias marinenses ocupan un lugar destacado na costa sur da ría de Pontevedra. Os seus areais de Portocelo, Mogor, Aguete e Loira contan con bandeira azul, do mesmo xeito que o de Santo do Mar - A Coviña, que conseguiu o distintivo en 2015. As praias de area fina e mar calmo gozan de moitísima fama e miles de bañistas acoden cada verán atraídos pola beleza e a calidade das súas augas. 

Na península do Morrazo descubrirás que as paisaxes, a gastronomía e as tradicións locais son outros dos atractivos desta comarca, sobre todo as súas praias, maioritariamente rurais, de area finísima e augas tranquilas. Bueu, Cangas e Moaña repártense areais de norte a sur.

  •  
    Nerga
  •  
    Areabrava
  •  
    Menduíña
  •  
    Melide
  •  
    Area de Bon
  •  
    Portomaior
  •  
    Mogor
  •  
    Portocelo

En Bueu poderás atopar a escondida praia de Lapamán, visitar Portomaior e Banda do Río, e achegarte á ría de Aldán, entre outros, os areais de Area de Bon e Lagos, todos eles con bandeira azul. Desde as praias do municipio divisamos a illa de Ons, visitable en barco desde Bueu e Sanxenxo, que conta con praias protexidas orientadas ao interior da ría, entre as que destacan Canexol, Area dos Cans e a paradisíaca Melide.

Na costa de Cangas atopamos o maior número de praias –sen contar outras moitas calas– (38 en total), das que seis foron distinguidas con bandeira azul. Na ría de Aldán destacan as praias de Menduíña, Areacova ou Areabrava, ademais de paradisíacas calas coma Pipín ou Castiñeiras.

Xa na ría de Vigo, a zona protexida de Cabo Home e a Costa da Vela conta tamén con areais de destacada singularidade e recoñecido valor paisaxístico, coma Melide, onde parece que podemos tocar as illas Cíes, ou Barra, considerada a mellor praia nudista de Galicia. Nerga, Areamilla, Areabrava, Liméns, Menduíña e Rodeira completan a relación de praias distinguidas en Cangas. Un distintivo que, en Moaña, ondea na praia do Con.

VIGO

Se ben Vigo é coñecida polo seu aspecto máis comercial e industrial, son doce as praias que conseguiron a bandeira azul este 2022. Algunhas pequenas, coma a da Punta ou O Tombo do Gato, e tamén areais amplos coma o do Vao son moi populares entre a poboación de Vigo, así como a praia urbana viguesa por excelencia, Samil, de máis dun quilómetro, cun paseo marítimo que empeza a animarse xa nos primeiros días solleiros de inverno, con restaurantes, xardíns, parques infantís, piñeirais e pequenas praias lindeiras. Resultarache imposible non parar a ver como o sol se oculta tras as illas Cíes.

Se decides navegar cara a elas a praia de Rodas será a protagonista de moitas das imaxes que quedarán na túa memoria, pero se te animas a transitar por algunha das sendas que percorren o arquipélago descubrirás outras preciosas praias e calas, coma a de Figueiras, Nosa Señora ou Areíña, ocultas tras piñeirais e protexidas polos cantís. E se estás en Vigo non deixes de coñecer outros areais destacados coma Argazada, Fortiñón, Canido ou A Fontaíña.

  •  
    Rodas
  •  
    O Vao
  •  
    Argazada
  •  
    O Tombo do Gato
  •  
    Cesantes

VAL MIÑOR

Val Miñor é outro destino ideal con múltiples opcións. No municipio de Nigrán poderás practicar surf en Patos ou pasear polos dous quilómetros de areal da Praia América e Panxón. Ao outro lado da baía onde estas se atopan está a vila de Baiona, tamén con varias praias ao longo do paseo que percorre o seu litoral e a península de Monterreal, onde se atopa o Parador de Turismo.

Despois da impoñente praia de Ladeira descubriremos praias pequenas, familiares, cunha paisaxe eminentemente náutica. É o caso da Barbeira, próxima ao porto deportivo, pero con augas mornas e transparentes. Famosa pola calidade mineral das súas augas é A Concheira, a última antes de continuar o camiño cara ao sur. Nela verás bañarse persoas maiores da vila, sexa verán ou inverno. Santa Marta, A Ribeira e Os Frades tamén te seducirán.

  •  
    Patos
  •  
    Praia América
  •  
    A Barbeira
  •  
    Os Frades

O BAIXO MIÑO

Se continúas a estrada da costa cara ao sur chegarás ao límite natural con Portugal, formado polo río Miño, na localidade da Guarda. As coñecidas praias de Area Grande e O Muíño recibiron en 2022 a bandeira azul. Esta última trátase dun extenso areal con dunas en plena recuperación, auga de baixa salinidade debido á desembocadura do río e un illote chamado A Ínsua, onde se atopa un pequeno forte, testemuña das antigas guerras entre galegos e portugueses.

  •  
    O Muíño
  •  
    O Muíño
  •  
    Area Grande
  •  
    Area Grande