Unha viaxe polo nadal
Buscador

Praia de Melide, Cangas

Virxe e salvaxe, Melide é un balcón de area no que sentar para admirar a beleza das illas dos deuses, as Cíes, mentres as olas rompen con forza na beira do mar. Unha praia para gozar da natureza escoltada por dunas e piñeirais, flanqueada por tres faros, cada un coa súa propia identidade: o de punta Subrido, o de punta Robaleira e o de Cabo Home.

Un paseo sobre os acantilados da Costa da Vela conduce a este areal idílico fronte ao que navegan grandes mercantes, pesqueiros, veleiros e os maiores transatlánticos do mundo; augas que no pasado sucaron os piratas comandados por Drake na procura de valiosos botíns nas Rías Baixas. Un lugar de enorme riqueza submarina e terrestre; un espazo natural no que apenas se percibe a pegada do home.

O cadro que compoñen a Costa da Vela, Cabo Home, a praia de Melide e as illas Cíes contémplase en toda a súa dimensión desde o monte do Facho, antigo poboado castrexo e santuario romano. Alí, na ladeira, camiño da cima, as ruínas das antigas casas circulares evocan o pasado da máxica montaña.

A posta de sol tras as Cíes é un dos atardeceres máis fermosos das Rías Baixas. Melide continúa allea ao paso do tempo, illada do mundanal ruído. As luces dos tres faros escintilan e guían os barcos ata a chegada do novo día.

Playa de MelidePirata, Max Glass-Kowalski Family Co, Polonia