Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia apertura exposición Pegadas na Paisaxe Pazo de Liñares

A Deputación de Pontevedra achega á cidadanía do Deza o rico patrimonio arqueolóxico da provincia a través da mostra “Pegadas na paisaxe”

Carmela Silva ensalza a “posición de centralidade” que xogou Pontevedra nos intercambios culturais, comerciais e sociais entre o Atlántico e o Mediterráneo

A Deputación de Pontevedra pretende achegar o importante legado arqueolóxico da provincia ao conxunto da cidadanía. Tralo éxito de “Galaicos” no Museo de Pontevedra e durante as súas itinerancias en Madrid e Valencia, a institución trae agora ata o Pazo de Liñares a exposición “Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza” con un total de 36 obxectos arqueolóxicos e etnográficos, así como réplicas de elementos singulares para entender a nosa historia.

Esta exposición pretende mostrar unha progresiva pero evidente transformación da paisaxe desde a Idade de Bronce ata a actualidade. Trátase dunha exposición divulgativa na que as fotografías e as ilustracións teñen un especial protagonismo e que respaldan a idea de Pontevedra como territorio de intercambio cultural desde a Prehistoria ata a Antigüidade tardía.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ensalzou esta tarde durante a inauguración da mostra “a posición de centralidade” xogada pola provincia de Pontevedra entre o Atlántico e o Mediterráneo. “Fomos un territorio de intercambio cultural, comercial e social con todos os pobos que interactuaron na Ruta dos Fenicios”, subliñou acompañada polo alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e outros rexidores da comarca do Deza.

“Pegadas na paisaxe” quere promover as visitas aos castros e xacementos do Deza, pero tamén aos centros etnográficos de todo o norte de Pontevedra. Conta con pezas de tres entidades prestameiras: o Museo de Pontevedra, o Museo Etnográfico Casa do Patrón (Doade) e o Centro Etnográfico de Terra de Montes (Soutelo de Montes).

Unidade didáctica para escolares

Ademais, Silva explicou durante a inauguración que a mostra acompáñase dun elemento didáctico concibido para nenas e nenos de 9 a 12 anos. Ofreceranse distintos xogos para que as persoas destas idades que acudan en familia ou co seu colexio poidan descubrir os contidos de maneira lúdica e profundar de forma amena no coñecemento da comarca do Deza e a provincia de Pontevedra no seu conxunto.

A presidenta provincial aproveitou para invitar a toda a cidadanía a que cumpla co lema da campaña de Turismo Rías Baixas deste ano, segue o teu instinto, e que despois de visitar esta mostra no Pazo de Liñares aproveiten para descubrir os vales e montañas do interior da provincia de Pontevedra. Teñen ata o 24 de maio para desfrutar desta completa experiencia na que descubrirán obxectos representantivos da nosa identidade e da nosa tradición, así como as paisaxes maravillosas que nos definen como un paraíso.

 

belendevalga3
belendevalga4

A mostra organizada por Turismo Rías Baixas en colaboración co Museo de Pontevedra vai estar estruturada en cinco eixes, titulados "O patrimonio de Pontevedra", "Deza: terra de castros", "Artefactos: pegadas no tempo", "As pegadas na paisaxe de Pontevedra" e "O cálculo do tempo". 

A exposición centrarase nos castros de Montaz e Toiriz en Silleda, Castriño e Doade en Lalín e Pena Grande en Rodeiro, así como en outros once xacementos da provincia, coma os da Cabeciña, Penalba, Castrolandín, Alobre, Santa Trega, A Lanzada, Monte do Castro, Adro Vello, Monte do Facho, Salinas de Vigo ou Toralla.

Tamén amosará moedas, fragmentos de cerámica, un machado, unha lasca, unha estela, unha conta de bronce, unha argola africana e a fíbula romana de Rodeiro, atopadas nos distintos xacementos de Deza e pertencentes a un período que abarca desde o 1.500 a. n. e. e o século VI.