Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - Plans infantís para o verán nas Rías Baixas

Plans infantís para o verán nas Rías Baixas

Goza das e os pequenos da casa durante a tempada estival na provincia de Pontevedra con rutas en familia e visitas a un acuario cheo de especies mariñas

Co verán, acábase o colexio e chega o tempo libre, e para algunhas nenas e nenos, tamén o aburrimento. En ocasións, poden converterse nun público difícil, e necesitan algunhas alternativas de entretemento para as súas vacacións. Na provincia de Pontevedra hai múltiples formas de despedir o verán ao grande, antes de volver á rutina de garderías e colexios. Descobre algunhas propostas moi interesantes nas Rías Baixas, pensadas para as e os máis pequenos da casa, que tamén serán do máis agradable para o público máis adulto.

Festa do Demo en Pontevedra

Volven as travesuras a Pontevedra coa Festa do Demo

Outro ano máis volve o demo máis traveso da provincia de Pontevedra. Mañá celebrarase en Pontevedra a Festa do Demo, na que este ser e o seu séquito farán travesuras e bromas para divertir e facer rir a todo o mundo polo centro histórico da cidade. As nenas e os nenos poderán ir disfrazados tamén, para así poder formar parte da comitiva desta criatura do mal.

O Demo, e os seus secuaces realizarán durante a xornada de mañá dúas sesións, unha de mañá e outra de tarde. A primeira saída terá lugar sobre as 12:30 horas, desde os arcos da Igrexa de San Bartolomé, e a segunda ás 20:00 horas, “atemorizando” ás e aos viandantes. A festa continuará na praza José Martí cunha actuación musical da Banda de Música de Salcedo e finalizará na praza de Curros Enríquez onde haberá unha foliada cun grupo de baile que ofrecerá un espectáculo.

Os monicreques regresan a Lalín con outra edición do Titirideza

Os monicreques e marionetas volven ás rúas de Lalín coa decimo séptima edición do Titirideza. Os espectáculos que ofrecerán compañías da comunidade celebraranse os días 23, 24 e 25 no Salón Teatro e polas rúas e prazas da localidade. O programa conta cun total de cinco actuacións, interpretadas por monicreques, marionetas, bonecos de trapo e outros obxectos, das cales tres serán gratuítas e dúas terán un valor de tres euros.

A programación comezará este xoves con Tanxarina Títeres, representando “A galiña azul”, e o venres coa compañía Elefante Elegante e a súa “Danza da choiva”, as dúas citas serán ás 20:30 horas no Salón Teatro, e terán un custo de tres euros. O sábado haberá tres sesións gratuítas, a primeira delas comezará ás 13:00 horas coa obra “A familia unida” de Mircromina Títeres. Ademais, os dous espectáculos da tarde comezarán ás 19:00 horas con “Jiñol” de Títeres Trompicallo, e a segunda ás 20:00 horasHakuna Matata” a cargo de Troula Animación, na contorna do quilómetro cero de Lalín.

Museo do Mar Vigo

Banquete submarino no Museo do Mar en Vigo

Cada venres de agosto, no Acuario Museo do Mar de Galicia en Alcabre (Vigo), as e os asistentes poden gozar dunha actividade totalmente diferente, xa que poden observar como as e os membros do equipo mergúllanse no tanque e alimentan ás diferentes especies que habitan neste grande acuario. Un total de 29 especies de fauna mariña de Galicia, entre as que podemos atopar rodaballos, quenllas e raias, desfilan por este acuario e consolídanse como as grandes protagonistas deste “espectáculo” de grande beleza que nos ofrece a natureza.

Nenas e nenos, nais e pais e o resto de curiosas e curiosos acoden a esta cita e contemplan marabillados este banquete submarino, exercendo case o posto dun comensal máis deste fantástico festín. Ademais, as e os participantes poden coñecer algunhas curiosidades que lles explica o equipo, por exemplo, que algúns peixes como os rodaballos ou algúns crustáceos como as lagostas hai que alimentalos introducindo directamente o alimento nas súas bocas.

Rutas infantís con mergullo incluído en Arbo

Este domingo 26 de agosto, o concello de Arbo celebra a “II Andaina Infantil”, con dous percorridos de 1 e 5 quilómetros, aptos para as pequenas e os pequenos da casa. A finalidade destas rutas, é a de aproximar ao público infantil, o patrimonio, a paisaxe, a natureza, os carreiros, ou o museo de Arbo, dunha forma divertida e promovendo o deporte infantil.

A saída está prevista para as 11:00 horas do domingo desde o museo de Arbo, e terminará na piscina municipal, onde as e os participantes poderán gozar, de forma gratuíta, dun magnífico día en familia cunha zona de picnic nas instalacións a súa disposición. A inscrición para esta actividade gratuíta realízase a través da páxina web do concello de Arbo ata finalizar o prazo o día 25 de agosto ás 15:00 horas.

Etiquetas: portada