Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - A provincia de Pontevedra sóbese con forza ao tren do Turismo Intelixente

A provincia de Pontevedra sóbese con forza ao tren do Turismo Intelixente

A Deputación incorpórase á Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes e ten en marcha outros proxectos como Tourist Inside Rias Baixas ou TurisTIC

A Deputación de Pontevedra xa forma parte de maneira oficial da Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes, un proxecto impulsado pola Secretaría de Estado de Turismo que ten por obxectivo mellorar a experiencia do turismo en materia de innovación e sustentabilidade. Con esta premisa asesorarase aos axentes turísticos sobre calidade, solucións tecnolóxicas e capacitación dixital.

Xunto ao sector beneficiaranse das accións as e os visitantes do destino turístico, que obterán unha experiencia máis completa, así como as e os habitantes que residen en cada un dos territorios que forman parte da Rede Estatal.

Constitución da Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes en Madrid

O deputado delegado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, acudiu hai uns días a Madrid para asinar a adhesión da provincia de Pontevedra á nova entidade coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. Da Rede forman parte outros destinos da provincia como os concellos de Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa, ou a Mancomunidade do Salnés, de entre os preto de setenta destinos localizados nas dezasete Comunidades Autónomas.

A Deputación de Pontevedra avanza con forza cara ao turismo dixital. Este último proxecto súmase a outros como Tourist Inside Rías Baixas, unha iniciativa punteira que inclúe accións por importe de 1,9 millóns para impulsar a innovación do sector; ou TurisTIC, canalizada a través do servizo SmartPeme para formar aos e as profesionais turísticas da provincia.

Tourist Inside Rías Baixas

Este ambicioso proxecto impulsado pola Deputación de Pontevedra constitúese como unha aposta polo turismo intelixente que, a través da implantación das novas tecnoloxías no sector, busca adaptarse ás demandas e aos hábitos das e os visitantes no século XXI, así como tamén ás necesidades dos diferentes axentes turísticos. Este programa foi aprobado a mediados de setembro polo Goberno central.

Os obxectivos que persegue esta iniciativa punteira, Tourist Inside Rías Baixas, que pretende dar un salto de calidade no turismo da provincia de Pontevedra, son os de potenciar as ferramentas dixitais actuais, así como levar a cabo a creación doutras novas, fomentar a interoperabilidade entre axentes do sector e realizar un diagnóstico da información extraída de diferentes ámbitos co fin de mellorar a xestión.

Os grandes bloques que inclúe o programa son: a transformación dixital das oficinas de Turismo do destino Rías Baixas, a implantación de servizos dirixidos ás e aos turistas, a dixitalización do territorio con sinalización dixital, a avaliación de ferramentas dirixidas ao sector empresarial e a implantación dunha plataforma de interoperabilidade, para optimizar a promoción dos diferentes produtos turísticos.

Unha rede de turismo intelixente na provincia

SmartPeme , servizo da Deputación de Pontevedra para formar e mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas da provincia, abandeira o proxecto TurisTIC, no que un grupo de profesionais cualificados en Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) presta servizos de asesoramento a diversos axentes do sector turístico nas distintas dependencias de SmartPeme.

Este proxecto inclúe un programa formativo que ofrece cursos de temática variada, centrados na xestión de redes sociais,creación de páxinas web,asesoramento de estratexias de márketing, ou en principios básicos de fotografía e a análise de datos.

Aceleradora de empresas

Programa de aceleración de empresas

Ademais TurisTIC conta cunha aceleradora desde a que se titorizan e apoian actualmente cinco proxectos: El salón de tus viajes, unha axencia que organiza viaxes a medida; a Adega Gran Bazán (Vilanova de Arousa), con máis de 30 anos de experiencia ás súas costas; a casa de turismo rural Abadía das Eiras (O Rosal); a axencia especializada en arte e arqueoloxía Namorarte; e I’m a local, compañía que pon en contacto ás viaxeiras e viaxeiros con empresas do destino para proporcionar unha experiencia personalizada.

Todas e todos eles reciben asesoramento e formación para reforzar a súa oferta a través dos novos medios tecnolóxicos. Entre as accións figuran a mellora de páxinas web, plans de márketing online, análise de datos para personalizar as experiencias ou comercialización de produtos.

Xornada no castelo de Soutomaior

Nesta aposta pola transformación dixital a Deputación organizará o 24 de outubro a primeira Xornada TurisTIC "Impacto das novas tecnoloxías no sector turístico" no castelo de Soutomaior, que será inaugurada polo presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segitur), Enrique Martínez Marín. Alí intervirán relatores de referencia no sector como Raúl Jiménez Algobia, de Minube; Víctor Longo, de Partee; ou Cristina Collazo, de Volta Montana.

Ademais nesta cita da provincia de Pontevedra levase a cabo a entrega de cinco galardoes da primeira edición dos Premios ao Talento Turístico: sustentabilidade, innovación, gastronomía, turismo de experiencia e talento TIC. Vinte e dúas empresas optan a estas distincións.

As cen prazas para participar na xornada están xa esgotadas, o que demostra a boa acollida que recibiu no sector esta acción na histórica fortaleza. Durante o evento, as persoas participantes abordarán diversos temas relacionados coas oportunidades do novo turismo do século XXI, a innovación como motor de cambio do sector, a mellora da experiencia da ou do visitante e a fidelización de persoas turistas, o impacto das TIC no sector e a evolución da comunicación turística.

Etiquetas: portada