Fiestas en Rías Baixas
Atrás

Noticia - As Rías Baixas, moito máis que un destino de verán

As Rías Baixas, moito máis que un destino de verán

A ocupación hoteleira dispárase fóra da tempada estival: na ponte de decembro creceu un 14 % respecto ao ano pasado

O destino Rías Baixas camiña con paso firme cara á desestacionalización, un dos grandes obxectivos do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020 da Deputación de Pontevedra. Os datos avalan o cambio de tendencia. Se na ponte de decembro do ano pasado xa se rexistrou un aumento do 6 % na ocupación hoteleira, este ano pulverizouse esa marca con 14 puntos máis, o que situou a media no conxunto da provincia no 64 %.

“Son números espectaculares”, explicou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, esta mañá ao dar conta do balance. Por comarcas, en Vigo alcanzouse o 100 % debido ao efecto da iluminación do Nadal, que se converteu en viral nas redes sociais e foi difundido polas grandes cadeas de televisión nacionais. En Caldas de Reis a ocupación situouse no 92 %, no Salnés no 68 %; en Pontevedra nun 65 %; O Condado – Paradanta alcanzou un 60 %; Deza e Tabeirós - Terra de Montes o 51 %; O Baixo Miño   o 46 % e O Morrazo un 34 %.

O comportamento do turismo rural tamén é positivo, cun 40 % de ocupación media na ponte, cinco puntos máis que en 2017, mentres que as vivendas turísticas cultivaron un 100 % de ocupación en Vigo, de novo pola iluminación; e en Sanxenxo, neste caso pola celebración da Lanzada Ocean Race.

Afluencia en novembro

As visitas en novembro situáronse pola súa banda no 47 %, media igual á de 2017. Por comarcas, Caldas de Reis alcanzou o 76 %, Vigo o 62 %, O Salnés  o 57 %, Pontevedra o 52 %, Deza e Tabeirós-Terra de Montes o 48 %, O Condado-Paradanta o 37 %, O Baixo Miño o 22 % e O Morrazo o 20 %. Nas casas rurais produciuse o mes pasado un incremento de case nove puntos.

O 87 % das e os viaxeiros que recalaron nas Rías Baixas en novembro son españois, maioritariamente procedentes de Madrid, Barcelona, Illas Baleares e Lanzarote. En canto ás persoas estranxeiras proviñan sobre todo de Alemaña, Portugal, Arxentina, Francia e Reino Unido. O 50 % das persoas que elixiron a provincia de Pontevedra para pasar as súas vacacións o mes pasado teñen entre 35 e 60 anos, un 48 % elixiu hoteis, a estancia media oscilou entre os catro e seis días, e o lecer e a cultura foi o motivo principal da súa visita.

Castelos e Galaicos

Os castelos de Soutomaior e Sobroso recibiron 300 visitas respectivamente na ponte de decembro e o primeiro deles, que acaba de ingresar no Club de Produto de Grandes Castelos e Palacios de España, foi visitado en novembro por máis de 1.150 persoas.

Pola súa banda, a mostra “Galaicos. Un pobo entre dous mundos”, que se exhibe no Museo Arqueolóxico Nacional, foi vista por 6.217 persoas en novembro.