499 recunchos favoritos no concurso fotográfico #VeinteMilRíasBaixas
As Illas Cíes, A Illa de Arousa, a Ruta da Pedra e da Auga, o centro histórico de Pontevedra… e centos de recunchos máis ata alcanzar as 499 fotografías. O concurso de fotografía organizado por Turismo Rías Baixas para celebrar que a nosa comunidade na rede social Twitter alcanzou os 20.000 seguidores e seguidoras –hoxe suman xa 20.600– pechouse con medio milleiro de imaxes de fermosos lugares da provincia, desde os máis coñecidos ata os máis recónditos.
Turismo Rías Baixas propuxo aos seus seguidores e seguidoras retratar os seus recunchos favoritos de todo o territorio. As paraxes naturais foron as preferidas por ás e aos concursantes, e en concreto as situadas na costa. As Illas Cíes e A Illa de Arousa son os lugares máis fotografados xunto con Cabo Home e numerosas praias do litoral da provincia: A Lanzada, Rodas, Melide, Praia América, Barra, Nerga... Tamén as belas fervenzas do interior da provincia están entre as predilectas das e dos concursantes.
No entanto, existe unha enorme variedade de recunchos tanto na costa como no interior no aluvión de imaxes enviadas e moitas das imaxes brillan pola súa orixinalidade. Combarro, A Guarda, Baiona ou o centro histórico de Pontevedra son algúns exemplos de fotografías de conxuntos históricos e vilas mariñeiras, e outros elementos singulares do patrimonio de As Rías Baixas foron o obxectivo das cámaras das e dos concursantes, con fotografías de fermosos lugares como Santa Trega (A Guarda), o castelo de Soutomaior, os muíños do Folón e do Picón (O Rosal) ou os muíños das Laxes (Moraña).
Combarro, A Guarda, Baiona ou o centro histórico de Pontevedra destacan entre os conxuntos históricos e vilas mariñeiras retratados
Non faltou A Ruta da Pedra e da Auga (ao seu paso por Meis) nin o mellor banco do mundo, en Redondela, este último con espectaculares vistas á ría de Vigo. Ademais de Cíes, illas como San Simón, Cortegada ou Tambo figuran na listaxe, do mesmo xeito que a ponte de Rande e a praia fluvial de Ponte Caldelas , a única interior con bandeira azul.
Deliberación do xurado
O xurado do concurso, formado polos equipos técnicos de Turismo Rías Baixas e Comunicación, deliberará agora e seleccionará un máximo de dez finalistas, dos que sairá a persoa gañadora. A imaxe gañadora será premiada cun lote de produtos das rías e dous bonos para os 8+1 Festivais Rías Baixas, circuíto formado por Atlantic Fest, Cultura Quente, PortAmérica, Sinsal, SonRías Baixas, O Marisquiño, Revenidas, Vive Nigrán e Festival Cidade Europea do Viño de Cambados.
Das imaxes finalistas imprimiranse 30 copias en formato postal co nome de usuaria ou usuario da persoa autora en Twitter e o logo de Turismo Rías Baixas .
As imaxes presentadas ao concurso están dispoñibles na seguinte ligazón:
http://turismoriasbaixas.com/gl/web/portal-web/-/multimedia-veintemilriasbaixas