O refrescante ritmo de Sen Senra na Illa, un paraíso natural das Rías Baixas
A Illa de Arousa é un paraíso natural practicamente virxe e unha das vilas mariñeiras máis xenuínas da provincia de Pontevedra, cunha bela estampa de barcos atracados e fondeados na enseada do porto que saen cada día para capturar os mellores peixes e mariscos das Rías Baixas.
Hoxe ten lugar o mercado, e alí, no paseo marítimo, o vigués Sen Senra arpexa a súa guitarra mentres o día empeza a correr, aparecen os primeiros compradores, algúns veciños charlan distraidamente, e outros observan curiosos a interpretación deste mozo galego que pisa forte tras arrincar en 2015 co seu son de garage e surfero, e demostrar despois a súa ampla variedade de rexistros e ritmos.
A interpretación de Sen Senra e a súa banda, sen aditivos coma unha espontánea actuación rueira, é a estrea desta semana das Sesións Rías Baixas en Flooxer, un formato que, coa colaboración de Turismo Rías Baixas, percorre o circuíto festivaleiro Rías Baixas Fest da provincia de Pontevedra. Nesta ocasión a parada é A Illa de Arousa, onde o artista de Vigo actuou na pasada edición de Atlantic Fest, un festival xa consolidado que este ano volverá do 20 ao 22 de xullo con novas actuacións estelares, entre as que destacan Kaiser Chiefs e The Vaccines.
O festival ten o seu centro neurálxico xunto á praia do Bao, de augas cristalinas e bandeira azul, onde se instala o escenario principal, pero os concertos en distintos formatos esténdense a prazas públicas, o mercado de abastos e o auditorio da vila. Un festival en harmonía co espírito e identidade desta vila mariñeira.
O arquipélago é un paraíso case virxe, e moi preto atópanse O Grove, capital do marisco, e Cambados, berce do albariño
A cita é unha excelente oportunidade para coñecer a illa e a súa contorna, a península do Salnés, onde se atopan referentes turísticos, paisaxísticos e gastronómicos das Rías Baixas como O Grove –capital do marisco–, Cambados –berce do albariño– ou Sanxenxo, un centro vacacional de primeira orde con once praias de bandeira azul.
Illa de Arousa: Parque natural, illote e ruta polas rocas
Cruzar a ponte cara á Illa de Arousa xa anticipa unha idea da súa beleza, coa praia do Bao e o parque natural do Carreirón ao sur, un espazo cunha gran diversidade de ecosistemas, desde os sistemas de dunas, pasando polas marismas, as matogueiras, os piñeirais e a impresionante paisaxe submarina do seu litoral.
Percorrer a costa, polas súas rutas en zonas rochosas –os chamados cons– regala impresionantes paisaxes, e unha delas conduce a un dos lugares favoritos dos veciños e visitantes, o faro de Punta Cabalo. Preto de alí está a praia de Area da Secada, tamén con bandeira azul e nunha contorna salvaxe e máxica. Cara ao interior, un punto perfecto para divisar toda a illa e as rías é o miradoiro do Con do Forno.
A vila ofrece os mellores produtos gastronómicos das Rías Baixas, tanto no mercado de abastos como nos locais de hostalería, e un lugar recomendable para coñecer unha importante industria na historia da illa é o Centro de Interpretación da Conserva, na antiga fábrica Goday.
Ao oeste da Illa desde a costa divísase un illote, Guidoiro Areoso, con augas cristalinas e unha lingua de area branca ideal para esquecerse por unhas horas de todo e gozar dun espléndido día nun idílico remanso de paz.