Música ao espido na paisaxe máxica de Rías Baixas
O lado máis íntimo e persoal dalgunhas recoñecidas e recoñecidos artistas e bandas que pasaron polos Festivais Rías Baixas (Rías Baixas Fests)… nas paisaxes idílicas que serven como pano de fondo a estes eventos musicais únicos en Galicia. Así soan as Sesións Lixeiras, un formato de A3mediadigital e a súa plataforma online de vídeo curto Flooxer que desembarca na provincia de Pontevedra coa colaboración da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas.
Un grupo, un festival, un escenario improbable nunha contorna que respira mar e natureza polos catro custados, e un tema ao espido. Con estes sinxelos ingredientes e baixo a dirección de Zinqin, a produtora Esmerarte elaborou sete pezas de recoñecidas e recoñecidos artistas que fixeron vibrar ao público nos Rías Baixas Fest. As Sesións Lixeiras son momentos únicos de improvisación en recunchos onde non adoitan ter cabida as actuacións, para reformular as propostas musicais dunha maneira fresca e sen artificios.
Todos os venres de abril e maio lanzarase un vídeo cunha interpretación musical xenuína e especial en Flooxer, plataforma online de vídeo de curta duración centrada en novos creadores e grandes prescritores de contidos de temática diversa.
A través destas pezas mergullarémonos na atmosfera dos diferentes festivais de concertos de música que se celebran en As Rías Baixas. Sinsal Son Estrela Galicia, Atlantic Fest, PortAmérica, Cultura Quente, Revenidas, O Marisquiño, SonRías Baixas e Vive Nigrán son as propostas festivaleiras que confirman que apostar por visitar As Rías Baixas é garantía asegurada de gozar da mellor música e gastronomía nunha contorna chea de lugares máxicos nos que perderse.
Natureza, illas, praias e vilas termais
A ribeira do río Umia, en Caldas de Reis, acolle dous das citas musicais, PortAmérica e Cultura Quente, que ningunha persoa afeccionada á boa música pode perderse. Os acordes de recoñecidas e recoñecidos artistas soan na carballeira, un escenario natural inigualable nesta vila termal, cuxas augas terapéuticas xa gozaban os romanos, e pola que pasa o Camiño de Santiago portugués.
O público que aprecia o son de calidade e os mellores eventos musicais pode gozar dun inesquecible "picnic-pop festival" en Vive Nigrán, na fabulosa ría de Vigo, rodeado de praias de finas areas e auga transparente aderezada co mellor da gastronomía galega. Á fronte as Illas Cíes, xoia do Parque Nacional Illas Atlánticas, un paraíso natural no que brilla Rodas, a que para moitos –entre eles o diario The Guardian– é a mellor praia do mundo.
Outro marco incomparable no que descubrir que As Rías Baixas é sempre fonte de inspiración para os grandes momentos é o Sinsal Son Estrela Galicia, celebrado no histórico enclave da Illa de San Simón, fonte de inspiración desde o Medievo das máis belas letras. Os barcos sucan a ría de Vigo para acudir a este festival sen parangón onde o público non coñece o cartel ata que os grupos soben ao escenario.
Outra illa paradisíaca, A Illa de Arousa, é o espazo no que o Atlantic Fest descóbrenos todos os veráns o mellor da música nacional e internacional. En O Bao, praia con bandeira azul, e rodeados de areais salvaxes, o parque natural de O Carreirón, sendeiros entre as rocas da costa, e a vila mariñeira, resoan os ecos das mellores bandas.
Por se a oferta anterior non fose xa suficiente para convencer a calquera para preparar as maletas e visitar As Rías Baixas, tres citas máis se suman a este circuíto festivaleiro. Bikers, skaters e apaixonados do deporte e a cultura urbana invaden durante O Marisquiño o porto de Vigo, unha cidade vibrante, a maior de Galicia, cun barrio histórico dinámico e rehabilitado e unhas panorámicas incribles.
O Festival Revenidas é unha aposta pola música da nosa terra e tamén do exterior, na contorna marítima inesquecible de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), outra vila mariñeira na que as sardiñas asadas, chamadas alí Revenidas, inspiran o espectáculo sonoro, gastronómico e de lecer.
E pecha o círculo SonRías Baixas, en Bueu, tamén xunto ao mar, entre as fermosas praias de bandeira azul, os cabos, cantís, gastronomía de calidade e espazos protexidos da península do Morrazo, un auténtico tesouro natural custodiado polas Illas Cíes e Ons.
O venres empeza a soar a música en Flooxer. Non vos perdades as Sesións Lixeiras! Aquí podedes ver un avance. Poñémonos íntimos…Sentide os acordes acústicos, as voces e as profundas melodías no paraíso Rías Baixas.