2017 un ano de récords para Rías Baixas
En pleno comezo da feira máis importante do turismo en España, FITUR, do 17 ao 21 de xaneiro, as cifras de 2017 sitúano como a mellor tempada turística dos últimos anos.
Dos cinco millóns de turistas que chegaron a Galicia, o 36 % visitou a provincia de Pontevedra, fronte ao 30 % que o fixo en 2016. Obtendo unha ocupación hostaleira do
48 %, o que supón un 3 % máis que o conseguido en 2016 co seu 45 %, e un 14 % máis que en 2015 (34 %). Os días de máis ocupación alcanzaron o 83 %, sendo estes entre os meses de xuño e setembro e o que supón un incremento do 5 % nas mesmas datas da tempada 2016
(78 %). As pontes tamén supuxeron un incremento das cifras chegando ao 77 % de ocupación como no caso da ponte de maio.
A estancia turística media creceu un 2,5 % e o gasto por habitación un 11 %. Se separamos ás e os visitantes por tipos de turismo, a nivel nacional, os motivados pola cultura gastáronse 68 € de media (102 € os estranxeiros), polos 29 € aqueles que viñan buscando sol, praia e natureza (76 € no caso dos estranxeiros), e 36 € os que buscaban gozar da enogastronomía. En cambio, os que chegaron por negocios deixaron 54 € de media diaria.
Uns datos positivos para o turismo cultural, especialmente agora que comeza o Ano Europeo do Patrimonio Cultural e no que a Deputación pretende seguir fomentando con programas como "Somos historias" en FITUR 2018.
Por poñer exemplos deste ano de éxito:
Turismo Cultural
Espazos como o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro rozou as e os 15.000 visitantes (un incremento do 6,5 %). Mentres que o mosteiro de Carboeiro recibiu 18.885 visitas, sendo un dos monumentos máis visitados, superando a tempada 2016 en 500 persoas, aínda que por baixo da tempada de 2015. O Museo Massó de Bueu pola súa banda, si que superou as 20.000 visitas afianzándose como outro referente cultural. Máis sorprendente é o caso de exposicións eventuais, como o popular Belén de Valga, que abrindo só en tempada do Nadal conseguiu atraer a 42.000 visitantes.
Embarcacións en tránsito de recreo
Entre os portos de titularidade autonómica, dous pontevedreses situáronse como os máis utilizados. Dos 8.754 barcos en tránsito durante 2017 en Galicia, 839 usaron o de Combarro e 639 o de Baiona, só superados polo de Muros (1.039) na Coruña. A provincia de Pontevedra en xeral, aumentou en número de tránsitos un 9 %.
O Camiño de Santiago
En canto ao Camiño de Santiago, atraeu á provincia ata 60.000 persoas peregrinas só no Camiño Portugués, polas 49.500 de 2016, o que supón un incremento do 43 % con respecto o último ano Xacobeo (2010), e o que significa que 1 de cada 5 camiñantes elixe esta ruta (en 2017 realizaron o Camiño de Santiago 300.000 por algún dos seus sendeiros).
Aeroporto de Vigo
As persoas pasaxeiras que utilizaron o aeroporto de Peinador en Vigo superaron o millón, alcanzando 1.065.596 persoas, o que supón un crecemento do 11.7 % con respecto 2016, no que as cifras nacionais aumentaron un 4,8 % (930.953), e os internacionais un 104 % (133.198). Datos só superados nos últimos anos en 2010 e 2007.
E se falásemos só da súa cidade, Vigo, recibiu 396.000 viaxeiras e viaxeiros (15,6 % máis), aumentando as pernoitas tamén nun 13,1 %. A súa zona de influencia como a ría de Vigo xunto co Baixo Miño, tamén viu aumentado a visita de turistas nun 11 % ata os 607.000, e un 10 % as pernoitas.