Aproveita as xornadas abertas para coñecer o castelo de Soutomaior
O castelo de Soutomaior da provincia de Pontevedra é unha das xoias patrimoniais das que goza Rías Baixas. Agora, despois de permanecer pechado durante uns meses, a apertura para o público será o día 13 e virá acompañada de seis días de acceso libre e gratuíto para impulsar a afluencia de visitantes nesta nova etapa. Así o anunciou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, hai uns días, tras a presentación oficial da nova musealización.
Os días de acceso gratuíto son o 13, 20, 21, 22, 24 e 25 de maio. O horario para o primeiro día de apertura, o 13 de maio, será de 16 a 19 horas, con acceso libre ao recinto. A partir da segunda data, o 20 de maio, o horario ampliarase, desde as 10 horas da mañá ata as 19 horas da tarde. Ademais, para o resto de días existe a posibilidade de participar nalgunha das súas visitas guiadas programadas para as 11 e 17 horas. Debido ao limitado número de prazas, 22 persoas por grupo, será necesario inscribirse previamente a través de castelodesoutomaior@depo.es
A nova musealización busca potenciar aínda máis a experiencia de visitar o castelo. Para iso, ademais da restauración de parte deste, coidouse ben o deseño das habitacións en detalle, introducíronse audiovisuais e contouse con novas tecnoloxías coma o 3D ou o mapping.
En canto á temática da exposición, esta xira sobre dez eixes ben definidos; nárrase a historia da fortaleza, as contendas máis importantes que o rodearon, coma a Revolta Irmandiña, ou os personaxes ilustres que a habitaron, con mención especial ao nobre Pedro Madruga, no século XV, ou, máis recentemente, a María Vinyals (1875-1940).
Só na segunda quincena de maio, entre axencias e escolas, xa se confirmaron reservas para mil persoas
Posteriormente, as visitas e entradas poderanse obter a través da nova páxina que se creou exclusivamente para o castelo: Castelo de Soutomaior. Só na segunda quincena de maio, entre axencias e escolas, xa se confirmaron reservas para mil persoas.
O resto de días de apertura gratuíta resérvanse para datas especiais: o Día Internacional dos Museos e Noite dos Museos (18 de maio), Día de Galicia (25 de xullo), Día Europeo do Patrimonio e Día das Xornadas Europeas de Patrimonio da Humanidade (8 de setembro) e Día Internacional do Turismo (27 de setembro).
Ademais do castelo, a provincia goza dun legado envexable en canto a fortalezas e torres medievais. Moitas delas están recollidas no especial Patrimonio Fortificado, que inclúe a interesante Ruta Madruga.