Bueu aposta pola ornitoloxía
Bueu, o concello de O Morrazo da Ría de Pontevedra iniciou diversos procesos para mellorar a súa contorna natural e aproveitar algún deses espazos para actividades lúdicas, nos que se inclúe a creación dun observatorio de aves. O centro de observación estaría situado na contorna de Cabo Udra e complementaría desta maneira a xa existente aula de interpretación da natureza.
O centro de observación de aves contaría ademais cun panel informativo interior e varias mesas de interpretación no exterior. O resto de accións ao redor do proxecto buscará mellorar os trazados dos diferentes sendeiros xa existentes entre a aula de interpretación e Chan de Esqueiros .
Cabo Udra é unha localización de especial interese, polo seu valor natural, onde ver aves en Galicia. Conta con ata 600 hectáreas, a maior parte delas dunha área mariña, atópanse baixo o marco da Rede Natura 2000 desde 1999. Entre as especies de especial protección que acolle, seis delas son aves.
Trátase dunha noticia positiva para as e os amantes do turismo ornitoloxíco, principalmente cando se empeza a poñer o foco neste tipo de turismo que ata hai pouco tempo pasara en certa maneira desapercibida. A persoa afeccionada adoita ser dun perfil adquisitivo alto e a actividade non só permite a sustentabilidade do medio ambiente, senón que fomenta a conservación do mesmo.
Rías Baixas posiciónase como un destino excepcional para o avistamento de aves
Entre os puntos a favor para promover este turismo ornitolóxico, cabe sinalar que Rías Baixas se posiciona como un destino en Galicia excepcional para gozar coa actividade de observación de aves. Só na provincia de Pontevedra cóntase con varias Zonas de Especial Protección de Aves (ZEPA), estas son as Illas Cíes, Ons, o Complexo Intermareal Umia –O Grove, Punta Carreirón e a lagoa Bodeira, e o estuario do Miño. Enclaves aos que se poden sumar outros espazos naturais por toda a provincia que seducirán a todas as persoas afeccionadas ao birding.
O proxecto, que contará co apoio da Xunta para espazos de Rede Natura, non será o único que leve a cabo o municipio de Bueu. Complementariamente, coa colaboración da Comunidade de Montes de Beluso e a subvención da Deputación de Pontevedra, o concello prevé crear un parque forestal na mesma zona de Cabo Udra, e no que se dará prioridade á plantación de especies autóctonas.
Aproveitando dita acción buscarase restaurar e conservar o seu patrimonio etnográfico, no que se conta cun castro aínda sen escavar e as coñecidas chozas, antigos refuxio de pastores.