Campo Lameiro acolle unha xornada profesional de turismo arqueolóxico
Ata o 5 de outubro está aberto o período de inscrición para participar na I Xornada Profesional de Turismo Arqueolóxico, a última actividade formativa do ano organizada polo Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.
O curso desenvolverase o venres 7 de outubro, durante todo o día, coa participación dalgúns dos principais expertos mundiais en arte rupestre, arqueoloxía e turismo. Intervirán Ramón Montes Barquín, xerente do Itinerario Cultural Europeo Camiños da Arte Rupestre; Jordi Tresserras, director de Ibertur e do Laboratorio de Patrimonio e Turismo Cultural (PLABPATC) da Universitat de Barcelona; Felipe Criado Boado, profesor de investigación do CSIC e director do INCIPIT, e Pilar Fatás, directora do Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira.
Os contidos do curso abordarán o estado actual dos principais proxectos arqueolóxicos de Galicia desde a perspectiva de profesionais da administración e da empresa privada, así como o vínculo entre arqueoloxía e turismo e o estudo de casos concretos, coma o de Altamira. As charlas combinaranse con debates moderados para finalizar cunha visita guiada nocturna aos últimos petróglifos descubertos de Chan da Isca.
A actividade está dirixida aos profesionais do sector turístico e arqueolóxico que traballen nas administracións públicas e entidades privadas, ou que teñan interese polo tema. Tamén poden participar estudantes de turismo, arqueoloxía e disciplinas afíns. A entrada é gratuíta, aínda que é necesario formalizar a inscrición antes de 5 de outubro a través da web do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro.
Turismo arqueolóxico na provincia
A Deputación de Pontevedra apostou nos últimos anos por potenciar o turismo arqueolóxico, coa recuperación e revalorización de 18 xacementos castrexos da provincia. Actualmente estanse desenvolvendo traballos de mantemento no monte do Castro, en Ribadumia, no que se poden concertar visitas guiadas.